Presentación de Plácida Mirada, de Ponte Far

Presentación do libro Plácida Mirada, de Ponte Far

José Antonio Ponte Far -Pepe Pontre- presentou o pasado 13 de nadal o seu libro “Plácida mirada” no salón de actos da UNED en Ferrol. Estivo acompañado por Carlos Agulló -subdirector de La Voz de Galicia e delegado en Ferrol-; o tamén xornalista Germán Castro; o pintor, escritor e humorista Siro e o máximo responsable de Ediciones Ézaro, Alejandro Diéguez.

Texto da intervención de Siro:

Plácida mirada

Pepe Ponte e eu tratámonos dende hai moitos anos, pero a nosa relación foi superficial ata que coincidimos na organización da homenaxe a Luis Mera, o que nos permitiu convivir máis e coñecernos mellor. A noite da homenaxe, da fermosísima homenaxe a Luis Mera, despois de rematado o acto e cando a emoción compartida creaba un ambiente cordial e extraordinariamente agradable entre mesas con pinchos e viños, Pepe Ponte achegóusenos a Germán Castro e a min, cunha copa na man, e díxonos: “Téñovos que dicir que a preparación desta homenaxe fixo que vos coñecese mellor, e agora sinto que vos quero máis”. A verdade é que eu sentía o mesmo, e estou certo de que tamén Man, e Ana Romero e Patiña, que esto ten algunha xente excepcional como Ramón Piñeiro e Luis Mera, que crean afectos arredor dunha mesa camilla ou baixo dunha figueira.

Esa debeu de ser a razón pola que Ponte Far me invitou a participar na presentación deste terceiro libro de artigos publicados na Voz, que titulou “Plácida mirada“; pero, sexa esta ou calquera outra, eu síntome agradecido e honrado pola distinción que me fai. Debo dicir que se Ponte Far lese aquí o espléndido prólogo que lle fixo Luis Landero, e a reflexión que el mesmo fai sobre o porqué dos artigos recollidos neste terceiro libro, Carlos Agulló, Man Castro, o editor e eu estariamos de máis nesta mesa. Sobrariamos todos.

E sen embargo, son Agulló, Man, o editor e Ponte Far os que me sobran a min, porque precisaría o tempo de todos eles para expresar o que este libro me suxire. Empezando polas coincidencias que descubro entre o autor e eu: Ponte non borra das axendas os números de teléfono dos amigos mortos; eu tampouco. Ponte follea as axendas dos anos que terminan para viaxar devagariño ao pasado recente; eu tamén. Os dous compartimos a simpatía polos seres máis humildes, mesmo por certos marxinais… En definitiva, Ponte é un sentimental, e eu tampouco… podo negar o evidente.

Di Luis Landero de Pepe Ponte: “La prosa clara, directa y sincera, nos va llevando de aquí para allá, pero hay un tono de nostalgia, y a veces de melancolía, atenuado siempre por el humor, que le otorgan a estas páginas dispersas un aire de familia, una secreta unidad, la coherencia propia de quien sabe observar el mundo desde una mirada plácida y sobre todo personal.”

¡Como non vou ter que falar eu dun libro que ten como condimentos a nostalxia, a melancolía e o humor, se son os mesmos que eu uso na miña cociña!

En canto á vontade que o guía na publicación do libro, Ponte di: “En mi caso, sólo aspiro a que el conjunto de todos los artículos que he seleccionado sirvan para explicar la visión que tengo yo del mundo y mi asombro constante ante la gran complejidad del género humano.”

A min paréceme que Ponte escrebe primeiro para el, para mellor tomar conciencia das cousas; e que ao expresalas con claridade, enténdeas con lucidez. Só entón pensa en darnos a súa visión do mundo e da complexidade humana, que é a dun home de ben; un home con conciencia ética, un home preocupado polo próximo, un home que, de neno, quixo adicarse aos demais e entrou no seminario. Non chegou a tomar os hábitos, e tal lle valeu, porque, alto e guapo como é, teriamos en Galicia outro crego atormentado coma o de “El pájaro espino”, na vez dun profesor de instituto felizmente casado coa encantadora Eva, e dono dunha “prácida mirada”.

Ollada prácida si, mais tamén preocupada; por eso os artigos que Ponte Far escrebe en 538 palabras, nun esforzo de síntese que o obriga a expresarse coa maior claridade, nunca son intranscendentes. Para min son brevísimos ensaios de filosofía doméstica, da que todos entendemos; que crean afinidades electivas en moitísimos lectores, coma min, que os leo para coñecelo a el, e resulta que me axudan a coñecerme eu.

O gran publicista catalán Luis Basat dicía en “El libro rojo de la publicidad” hai vinte anos: “Si este país leyera más, todo cambiaría”.

Se ler era unha necesidade para promover o cambio en 1993, ¿que non será hoxe, coa que nos está caendo?

Fixérono moi ben. No 93 os xoves xa perderan a rebeldía e, ata ese ano, na vez de querer ser o Che Guevara, querían ser Mario Conde. Digo “ata ese ano” porque no 93 saltou o escándalo do Banesto. Hoxe, despois de moito tempo sen acceso a un primeiro traballo, síntense felices cun contrato coxuntural de 600 euros ao mes. E nós, os vellos, estamos demasiado avergoñados do que fixeron “os nosos”, os que ían moralizar a política e a sociedade toda, para facer outra cousa que ir a unha manifestación contra a reforma da Sanidade ou do abandono do Naval.

Somos unha  sociedade domesticada, que achanta en silenzo, co silenzo dos cordeiros, as leis humillantes que os novos feudais dictan para marcar diferencias propias dun réxime de castas, entre eles e nós.

¿Qué podemos facer? Ler. Ler e animar a ler aos nenos, aos rapaces, para alimentar o seu cerebro e o noso, e, empezarmos outra “transición” na que os golfos non teñan poder. Non é preciso ler O Capital de Marx, que só debeu de lelo Engels; nin o Libro Roxo de Mao, que o leron catro ferroláns, amigos meus, nos anos setenta. Abonda ler un libro como “Plácida mirada”, que é a exaltación da palabra. Empezamos a ser humanos cando nos mantivemos ergueitos, e fomos plenamente humanos cando nos comunicamos a través da palabra. En pé e coa palabra sulcamos a historia e fomos facendo conquistas individuais que culminaron coa conquista da dignidade; esa dignidade que estamos perdendo, que nos deixamos roubar, pero que latexa en cada capítulo, en cada páxina, en cada palabra deste libro do meu querido e admirado Ponte Far, a quen eu, públicamente, tamén declaro o meu afecto, a miña admiración e a miña gratitude.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies