Xosé Manteiga in memoriam

Xose Manteiga

Había tempo que non nos viamos. A última vez foi en Santiago, no ano 2005, cando lle pedín que lese o meu ensaio sobre O humor de Cervantes no Quixote. Interesábame moito a súa opinión de filósofo, e reconfortoume o seu visto bo. Foi daquela cando lle fixen este retrato. Véndoo ninguén diría que é dun home con máis de setenta anos, gravemente enfermo de parkinson, pero esa era a presencia de Manteiga aquela mañá primaveral, nunha cafetería próxima á súa casa e ao Parlamento Galego, onde soía parar cando saía a dar un paseo.

En realidade, esa era a presencia de Xosé Manteiga nos varios días que nos vimos e falamos de vagar, recordando o comezo da nosa amizade, en Ferrol, no 1964, onde el era catedrático no Instituto Feminino; das nosas ideas comúns; das vivencias compartidas con amigos inesquecibeis, dos que algúns dos máis queridos foran quedando no camiño…

Manteiga foi un intelectual que entrou en política sen a menor ambición persoal; movido só por un imperativo ético. A concepción cristiá da existencia e o sentimento galeguista foron os alicerces da súa ética; Aranguren, Zubiri e Ramón Piñeiro, os referentes na súa actuación diaria.

A bonhomía de Xosé Manteiga agromaba naquel azul purísimo dos seus ollos, no riso contido dos seus beizos… Non sei se acertei a reflectilos no deseño, pero tentar tenteino.

Deixa un comentario