Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Un conto de Noitevella

 

un conto de noitevella
Ramona e Plácido

Aquela caricatura de Luis Picos, andando o tempo, chegaría a cambiarme a vida; pero, en breve, o que cambiou foi a miña maneira de ver a Arte. Eu levara as máximas calificacións en debuxo no bacharelato, sen embargo non era consciente de que podería debuxar; visitaba as exposicións que se facían na cidade, pero facíao cunha ollada inxenua e todo me parecía ben. Cando a caricatura de Picos chegou a Carlos Merino, o administrativo destinado na Oficina Técnica, veume saudar e a saber da miña vocación artística. Debín de parecerlle algo parvo ao comprobar que non tiña ningunha, pero ao circular nas próximas semanas media ducia de caricaturas doutros compañeiros, faloume de novo e animoume a tomar en serio o que para min estaba a ser un simple divertimento. Fixémonos amigos, contoume que el pintara e deixara de facelo había anos, e un día levoume á súa casa para mostrarme algúns lenzos. Ante aqueles cadros empecei a entender que é a Arte; volvinme máis esixente e autocrítico, e tardei cinco anos en facer a primeira exposición de debuxos de humor e caricaturas, e oito en mostrar retratos e figuras.

Pero convencín a Merino de que volvese pintar e, aínda que só o fixo uns cantos anos, deixounos un cento de lenzos incomparabeis. Merino foi, con Antonio Tenreiro, o artista de máis talento que tratei, e só dende unha personalidade complexa como a súa, pode entenderse a renuncia a debuxar e pintar. O Goberno Municipal debe escoitar ao historiador Juan José Burgoa e ás entidades culturais que o apoian –entre elas o Club de Prensa de Ferrol-, e crear sen máis demora un verdadeiro Museo Municipal para mostrar a obra dos excelentes artistas que a cidade deu.

Na Oficina Técnica descubrín tamén que, ademais de caricatura, podía facer “debuxo de humor” cando vin a Arturo Palmero -un proxectista veterano, algo estrafalario, pero boísima persoa e moi simpático- camiñando polo areal de Valdoviño, no mes de agosto, con chaleque, garavata, zapatos de goma e a chaqueta no brazo. Debuxeino como “o home que ninguén sabe a que vai á Praia”, o primeiro da serie “Tipos das nosas praias”, que anos depois publiquei en El Ideal Gallego.

E falando con compañeiros como Bouzamayor, Juan Sánchez e Antonio Riveiros, dominadores da ironía, descubrinme como autor de relatos breves que procuran, a un tempo, a diversión e a emoción do lector. O primeiro escribino o 31 de nadal de 1970, tituleino “Ramona”, e di así:

Ramona

Ramona, a costureira, quedara solteira porque Plácido, o noivo que tanto quería, morreu de tise despois de facer as amoestacións. Ramona negouse a aceptar os feitos e declarouse viúva, xa que –dicía- casaran in artículo mortis.

A xente sabía que non era certo, pero calaba, e ela falaba do seu defunto e mostraba a única foto que del gardaba: a da cartilla militar; pequena e amarela, con Plácido vestido de soldado, gorro de borla, bigote e cara de fame. Ramona ollábaa, abaneaaba a cabeza e falaba quediño:

-¡Que guapo eras, meu ben; que guapo eras… !

Cando Ramona andaba polos corenta, viñeron pola vila uns fotógrafos da capital, que facían ampliacións ao gusto dos clientes. A boa muller preguntoulles se valería para ampliar aquela foto pequeniña. Dixéronlle que sí, e levárona con outra dela. Cabo dun mes volveron coa ampliación, tal como ela a pedira. Na foto, enmarcada nunha moldura modernista, estaba Ramona con traxe negro e ramo de noiva, e a carón dela o seu Plácido, traxeado de escuro, camisa e garavata, o pelo peiteado nunha onda e raia á esquerda. O único que ficaba da foto vella eran o bigotiño e aquel sorriso inocente, de home bo.

Ramona non puido durmir e pasou a noite bicando a foto e saloucando. Ao día seguinte, quen entrase na casa da costureira o primeiro que vía era a foto do seu casamento.

Teñan moi feliz 2015.

 

Deixa un comentario