O renacer galego de Pepe Chao Rego

Sin título-2 cremaCando Pepe Chao me pediu un prólogo para o seu libro “Eu renazo galego”, souben que non debería escribilo, senón debuxalo. Un prólogo feito con viñetas era algo sen precedentes na bibliografía galega -e supoño que tamén na española- naquel ano 1983, e pode que tamén hoxe. Por que decidín debuxalo na vez de escribilo non o sei; como tampouco por que é unha marioneta quen fala por min, quen filosofa ou, polo menos, quen profunda ao xeito daquel barbeiro de sábado, do que falara Castelao.
Pode que me deixase levar pola intuición do pulo creativo, pero pode que o fixese conscientemente por tentar ser orixinal, ou para animar ao lector a meterlle o dente a un manxar de tanto alimento como aquel libro que podería botar atrás a quen temese unha indixestión.

Presentarme como unha marioneta puido deberse a que me sentía suxeto por fíos que outros manexaban. Pouca xente pode sentirse como dicía Felipe González “con autonomía personal significativa”, nin no ano 1983, nin hoxe. Pero tamén pode que como eu non sei facer nada sen un chisco de humor, decidise facer unha broma e poñer un sorriso nos beizos do lector. O que sei é que ao volver velo e lelo para facer memoria, comprobei canto mellorou o meu galego nos vinte anos que decorreron desde a publicación de “Eu renazo galego”. Non o de Chao, que, como home rigoroso que é, cando decidiu escribir en galego fíxoo con pleno coñecemento e aplicación da normativa, polo que a penas tería que cambiar nada. Non é o meu caso, que escollía as voces pola métrica e a fonética, con criterios estéticos, e a escolla non sempre era atinada. Hoxe escríbese mellor que hai vinte anos, pero existe un perigo, unha ameaza real: o mimetismo que nos leva a facer nosos os erros de autores en castelán. Os xornalistas das emisoras de radio e TV din xa frases como “Dicir que o bo tempo axudou ao éxito da celebración”, “Aclarar que o conselleiro non asistiu ao acto”, que se son inaceptabeis no español resultan especialmente ridículas en galego; e algunhas outras construcións sen xeito.

É importantísimo o labor que en Galicia estamos a facer pola fixación do idioma con criterios científicos; actitude que, na miña opinión, bate coa da Real Academia de la Lengua Española incorporando as asneiras que os medios de comunicación poñen en circulación. Non me parece que a lingua española se faga máis rica, nin que a Academia a limpe, fixe e lle dea esplendor, aceptando o verbo urgir como transitivo porque os periodistas titulasen teimudamente “la oposición urge al Gobierno”; nin que se acepte unha expresión tan aberrante como “pienso de que” e outras semellantes, porque con esa manga ancha a Real Academia terá que rematar aceptando “darse de cuenta”, “delante mío”, “juego horizontal” como descripción dos pases paralelos ao plano da portería nun campo de fútbol; e que un lanzamento desde la vertical al marco, no mesmo xogo, non é o que veña de arriba, senón o perpendicular ao plano da portería.

Que os idiomas os facemos os falantes non se discute, pero tamén a circulación polas estradas, autoestradas e vías urbanas é cousa dos conductores, e ninguén pode pisar o acelerador e superar a velocidade máxima permitida, nin saltar un stop, porque nos multan e quitan puntos.

Esta divagación non ten máis finalidade que sinalar un dos valores no deseño na obra de Chao Rego: a riqueza e a calidade do idioma. Porque ti, Pepe, des que renaceches galego non só recuperaches o léxico da Vilalba da túa infancia, senón que, movido por esa vocación intelectual e conciencia ética que sempre tiveches, estudiaches, foches ás fontes, e incorporaches termos e expresións enriquecedores para ofrecernos o mellor traballo posible. Penso que non erro se sinalo como primeiro e máis visible valor do deseño na túa obra, ese sentido ético do traballo ben feito, que empeza na atención ao idioma.

¿Qué máis podo dicir do Pepe Chao deseñador da propia obra literaria? Na homenaxe que os Escritores en Lingua Galega lle ofrecemos hai un par de anos en Vilalba, dixo que facer ensaio é doado, porque todo consiste en cortar e pegar.
Non é verdade. Aquelo foi unha humorada súa, porque todos sabemos canta aportación persoal hai nos seus ensaios. Pero aínda que dixese verdade, aínda que se adicase a cortar e pegar para facer collages, un bo collage artístico non se fai sen ter sensibilidade estética, sen saber compoñer, armonizar formas, masas, cores… Para copiar e pegar con xeito no eido do ensaio cómpre ter sólida formación cultural. Facer un collage é como arranxar un equipo de fútbol: para que funcione ten que haber coordinación, harmonía, xogo entre as partes. Xa vemos que só con galácticos non se fai equipo, e con formas ou ideas impactantes tampouco se fai un collage.

Para investigar non abonda pasar horas, días, meses, nas bibliotecas; o investigador debe ter coñecemento do tema a estudiar, e facelo con rigor e humildade. Nabokov podería mostrarse fachendoso e provocador falando da propia obra, pero ao facelo falando de Cervantes e do Quixote, aparece como un crítico frívolo, mesmo ridículo.

Pepe posúe todas as cualidades do investigador: é culto, humilde, rigoroso, gran lector, traballador e ademais sabe resultar didáctico. Ten a cualidade de ser profundo e á vez sinxelo. E é así porque sabe o que quere e porque está afeito a chegar á xente. Moitos anos de púlpito afixérono a expor ideas e escoller palabras.

Pepe sabe da importancia da palabra. Escóllea como os poetas e explícaa para facela verdadeiramente nosa. Palabras como confesión, signo, principio, cosmos, que usamos decote sen pensar no significado, acadan outro valor cando el as abre ante nós, como se fosen noces ou avelás, e ofrécenolas para que as remoamos.

Si, Pepe sabe o que quere, e sabe como dicilo para trocar o que era mesto e ensarillado en limpo e transparente. Abre a nosa mente con explicacións que nos producen a ledicia de entender, descubrir e aprender. E faino con total naturalidade, como parte dunha conversa entre amigos.

Reler hoxe “Eu renazo galego” prodúceme saudades dun tempo ilusionado, no que con tanto candor como idealismo criamos que a democracia sería a panacea que resolvería todos os problemas, ao permitirnos expresar libremente as nosas ideas e defender os nosos dereitos individuais e colectivos. Tiñamos fe no Estado das Autonomías, que se converteu en papel mollado co “café para todos” determinado polo medo aos nacionalismos periféricos.(*) Que era papel mollado demostrouse na práctica cando o Goberno Central fixo saber que un problema grave como o do desastre do Prestige non podía resolvelo o Goberno Autonómico; cando o Goberno Autonómico aceptou a subordinación ao Central, malia a demostrada incompetencia do mesmo, e cando quen discrepou foi obrigado a dimitir.

Vemos que por moitas manifestacións multitudinarias que se fagan, un pobo alleado segue a ser un pobo alleado; ou quizais escéptico ou un chisco cínico. En calquera caso, un pobo que pouco ou nada ten co pobo politizado das cidades gregas, que exercía a democracia directa na ágora. Isto contaríao de fábula Pepe Chao nos seus collages, e remataría explicándonos como o rumbo dunha comunidade pode variar completamente, dependendo da vontade dun home e da decisión dun partido.

Faríao como poucos ou como ninguén, porque, por moitas aportacións alleas que Pepe poña nos seus collages, a obra no seu conxunto é súa, porque, ademais de deseñar o conxunto, el é quen fai as proposicións axeitadas e saca as conclusións definitivas.
O deseño na obra de Chao Rego, en conxunto, é tan sólido e brillante, que eu –e penso que todos os lectores- podemos gorentarnos na súa lectura tanto como na da narrativa dos grandes creadores.
É moito o que costa facer unha obra ensaística como a de Chao Rego. O que non costa nada é descalificala cunhas verbas de desdén e cun aceno de desprezo.

Hai pouco, alguén que debería saber destas cousas díxome que “O segredo do humor”, de Celestino Fernández de la Vega, é unha parvada. Non me molestei en responder porque lembrei de contado o escepticismo do Cilistro, que me dicía no ano 1972 que o libro era máis de Piñeiro que seu; que o escribira polo inmenso respecto que sentía por Piñeiro, a sabendas de que non interesaría a ninguén. Tamén lembrei a Ortega y Gasset cando explicaba que sabía perfectamente que despois de pasar días matinando o contido dun artigo, días analizándoo e dándolle forma, en canto saíse publicado, alguén que o le nun minuto, mentres toma o primeiro café da mañá na barra dun bar, dirá: “Hai que ver as parvadas que escribe este badulaque”.

¿Decatádesvos de que nunca estivo de máis actualidade “La rebelión de las masas”? Coido que este libro de Ortega e “El secreto de Barba Azul”, de Wenceslao Fernández Flórez, teñen plena vixencia nos nosos días. Filosofía e humor, dous xeitos perfectamente compatibeis para interpretar e explicar o que vemos e nos abraia. Para explicar como a democracia formal nos convirte en cordeiros, para explicar o silencio dos cordeiros e como os lobos viven de fábula disfrazados de cordeiros.

De min podo dicirvos, aínda que non vos importe, que seguramente son cada día máis de esquerdas, pero con toda seguridade son cada día máis escéptico. E coido que Pepe tamén. Non podemos ter un desastre do Prestige cada seis meses para sentírmonos feridos na nosa dignidade e mantérmonos combativos, Para cambiar hai que querer cambiar; para renacer hai que ter a vontade de facelo, intelixencia desperta e conciencia ética. Hai que ser un humanista –termo obsoleto, pero que para min ten cada día máis valor-. Pepe renaceu galego porque tiña intelixencia desperta e conciencia ética; por ser un humanista.

O renacer galego de Pepe ten algo ou moito co renacer progresista daquel monseñor Romero, bispo do Salvador, que pasou de posicións conservadoras a defender como bo cristián a causa dos humildes, coa desconfianza de Roma, aínda que despois de asasinado fose reclamado polo Vaticano como mártir da Eirexa.

Nunca falei disto con Pepe, pero penso que non estou trabucado se digo que aquel crego conservador, párroco de Santa Mariña, en Ferrol, que el foi, caeu do cabalo e viu a luz esclarecedora despois de vivir o horror do marzo do 72;(**) cando unha reivindicación sindical en Bazán foi reprimida a tiros pola policía, causando dous mortos e un número indeterminado, pero elevadísimo, de feridos, e, o que foi peor aínda, a represión policial contra os líderes comunistas, torturados brutalmente na comisaría de policía.

Todos os ferroláns vivimos aquel día coa tensión dos que precederan o comezo da Guerra Civil, porque en Ferrol apareceron de novo as dúas Españas enfrontadas, odiándose a morte. Pepe Chao tamén foi detido e, aínda que non sufriu tortura física, si foi maltratado psicolóxicamente por aqueles policías feixistas chegados de Madrid, que tamén nisto o centralismo tiña que dar lección.

De contado empezaron as detencións e ao nome de Gabriel Martorell fíxolle triste competencia o dun inspector de policía, ferrolán, que durante anos apareceu en pintadas acusado de torturador. Pero de Madrid viñeran especialistas en interrogatorios, con nomes que volvimos oír na transición democrática. Un deles encirrouse de tal xeito con Fernando Miramontes, que o torturador local tivo que dicirlle: “¡Coño, déjalo ya!”

Daquela foi cando o bispo Arauxo, aguilloado por varios curas comprometidos, entre os que estaba Pepe Chao, autorizou unha homilía que lle proporcionou una sona de progresista, que quizais lle viña grande, e o odio dos franquistas ferroláns.
Os líderes de CCOO foron ao cárcere, e a Amor Deus nin sequera se lle permitiu asistir ao enterro dun fillo, morto en accidente, sendo moi neno.

Gabriel Martorell marchou cabo de pouco tempo para Madrid e en Ferrol correu o rumor de que morrera, roído polos remorsos; pero non é certo. Vive e non parece mínimamente afectado por aquela traxedia na que el desempeñou un papel tan importante. (***)

A quen afectou e moito foi a Pepe Chao, que deu o paso definitivo para pasar de sacerdote comprometido na conquista da democracia a interesarse pola realidade galega. Cando no ano 1974 chegou á miña casa con dous cregos galeguistas –Montero Santalla e Bernardo Cendán “o cura do Muelle”- tivo outra revelación. A miña filla Lucía, que andaba polos catro anos, falaba galego na casa, e mentres eu mostraba a Pepe os debuxos de Os Pecados Capitais, ao chegar ao da luxuria, no que uns vellos babexan ante unha rapaciña moi nova, de dez ou once anos, a nena dixo: “É a miña curmá”, e Pepe emocionouse, Non sei que pasaría pola súa mente, pero aloumiñou a cabeza da nena e repetiu: “É a túa curmá”. Logo comentou canto o impresionara aquela frase nunha nena de Ferrol.

Cando publicou o libro da Eirexa no franquismo púxolle unha adicatoria no exemplar da miña muller, que, dicía: “A Mari, muller de Siro, porque na súa casa me fixen galeguista”. Coido que non foi así. O proceso de galeguización viña de tempo atrás, pero si creo que aquelas verbas da nena o axudaron a decidirse. Por iso me pediu o limiar de Eu renazo galego.
Anos despois un policía, amigo da infancia, contoume que na ficha policial de Xosé Chao Rego dicía textualmente: “Galleguista progresista”. Pepe sentiuse moi honrado e ata un chisco fachendoso. Pero non tiña por que. Era certo.

(*) E os problemas que con esa medida se tencionaron evitar remataron agromando con maior gravidade.
(**) No 1972 Pepe Chao era xa un cura progresista e comprometido coa conquista da democracia. Os sucesos do 72 non fixeron máis que afortalar as súas convicións, pero coido que a partir dese momento empezou a entender mellor o galeguismo, do que chegaría as ser militante activísimo.
(***) Gabriel Martorell morreu en Madrid no ano 2010, o 28 de nadal, día dos Santos Inocentes

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies