Puntadas sen fío: Os calzóns de Puigdemont

Os calzóns de Puigdemont por Siro

 Hai quince anos chegaba ás costas galegas o petroleiro Prestige, avariado e perdendo fuel, baixo o mando do capitán grego Apostolos Mangouras, un mariño experimentado e sabedor de que o barco máis estaba para o desguace que para novas singladuras, pero disposto a capitanealo unha vez máis, a última, porque –declarou- quería xubilarse e necesitaba os cartos. O resultado, xa se sabe: o mal estado do barco e da mar e as decisións desafortunadas de políticos e técnicos provocaron o maior desastre ecolóxico nas costas galegas.

É curioso o paralelismo entre os desastres do Prestige, capitaneado por Mangouras e o da República Independente de Catalunya, capitaneado por Puigdemont. Como Mangouras, Puigdemont sabía que o seu navío –o da República Independente de Catalunya, aínda sen botar-, non estaba para navegar. Despois de escoitar a financieiros, empresarios, economistas, políticos e ata ao bispo de Barcelona, sabía que, posto na mar, faría auga por babor, estribor, proa e popa. Por iso o 9 de octubro decidira deixalo na grada e acudir ao Parlament para convocar eleccións. Non o fixo porque cando os deputados da CUP o acusaron de traidor e covarde, caéronlle os calzóns. Por medo á CUP, para non sufrir os seus ataques, mentiu a todos os cataláns, ao declarar –“si, pero non; en fin, deixa a ver”- unha República independente de Cataluña inviable, na que, naturalmente, non cría.

A peor das decisións que se tomaron sobre o Prestige foi levalo mar adentro. A peor das  que puido tomar Puigdenont cando o Goberno atacou co 155, foi levar a República Independente de Catalunya terra adentro, a Bruxelas, onde, despois de enfouzar canto puido a España e Europa, rematou soterrándoa ao recoñecer que Catalunya non está para aventuras soberanistas e que pode haber máis solucións que o independentismo.

En calquera outra situación esta declaración de Puigdemont suporía o seu harakiri como político, pero a tensión que se vive en Catalunya non deixa ver con claridade e, por incrible que resulte, os votantes da CAT quéreno de president e ven na excursión a Bruxelas unha heroicidade. A min Puigdemont recórdame a aquel xeneral Kitrí, de quen fala Wenceslao Fernández Flórez en El secreto de Barba Azul. Nunca conseguira unha vitoria no campo de batalla, pero era o asombro do mundo polas súas retiradas a través de países e continentes. Tamén a retirada de Puigdemont, seguido dun grupo de consellers, a trote lixeiro, de Barcelona a Bruxelas, vía Marsella, merece figurar nos anais da historia, talmente como a dos 10.000 de Xenofonte. E figurará porque, pase o que pase nas eleccións do 21 de Nadal, Puigdemont non volverá presidir a Generalitat e, sen a aura do poder, os cataláns empezarán a velo tal cal é; e cando os libros de historia expliquen o maior desastre político de Catalunya, titularano “O día que a Puigdemont lle caeron os calzóns”.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies