Xaquín Marín

Xaquín Marín
Xaquín Marín

Desde hai cincoenta anos sei que Xaquín Marín é un gran artista. E non falo só do seu extraordinario labor de humorista gráfico, senón tamén do que fixo como cartelista, ilustrador, autor de banda deseñada e pintor. Si, tamén como pintor, incipiente, pero cunha obra espléndida que, lamentablemente, non continuou, polo que Galicia perdeu un gran expresionista. Pinturas expresionistas foron os primeiros cadros que eu vin de Xaquín Marín, na sociedade deportiva e recreativa Bertón, de Caranza; e aquel día convertinme en admirador da súa obra. Pouco despois coñecémonos e iniciamos una relación de amizade que continúa hoxe.

De Marín falei varias veces e expliquei en prólogos e catálogos a razón da miña admiración polo seu traballo. Direina brevísimamente: pola calidade e a orixinalidade de todo o que fai. Cando eu debuxo e pinto, por moi inspirado que estea e por bo que sexa o resultado, sempre teño a sensación de que estou á sombra de Picasso, Matisse, Pascin, Kirchner, Beckmann, Meidner, ou calquera outro dos artistas que admiro. A Xaquín é imposible que lle ocorra eso, porque non se parece a ninguén; porque ten un estilo propio, distinto a todos, único, e –o mellor de todo- creado en plena mocidade, hai cincuenta anos.

Hai algo máis que me parece valiosísimo na obra de Xaquín Marín: a galeguidade da mesma. Cando Castelao dicía na conferencia “Arte e galleguismo” que para sermos universais temos que ser galegos, estaba a dicir una gran verdade que, como case todas as verdades, poucos escoitaron e axiña se esqueceu. Hoxe, cando é imposible recoñecer a obra dun pintor galego, catalán, castelán, francés, xaponés ou norteamericano, o debuxo e a pintura de Xaquín Marín aparecen na mar océano da globalización e do “todo vale” para recordarnos que a arte pode e debe ser outra cousa.

Dixen hai moito tempo que a obra de Marín ten un fortísimo sabor galego, como a bola e a empanada. A bola é románica e a empanada barroca; os debuxos de Marín son tamén creacións do románico e do barroco galegos. Con ese debuxo tan seu e tan galego, Marín converteuse nun creador polivalente que pode abranguer e abrangue todas as formas da plástica, con excelentes resultados sempre.

Faino diariamente cunha viñeta humorística para contarnos como está Galicia e como estamos os galegos. O caso de Xaquín Marín como cronista gráfico dunha comunidade, durante medio século, en clave de humor, é único en España e supoño que en Europa; tal vez no mundo. Por eso Félix Caballero fixo sobre Xaquín Marín a súa tese de doutoramento, que defendeu na Universidade de Vigo o 23 de octubre. Son oitocentos folios cos que aínda non ousei enfrontarme, pero como nesa tese eu tiven moito que dicir, sei que o plantexamento é perfecto e que canto se di eloxiosamente da obra de Marín é xusto e merecido.

Que nunha universidade galega se faga unha tese de doutoramento sobre o humor de Xaquín Marín é recoñer a importancia do humor gráfico galego desde Castelao aos viñetistas actuais, pero é, sobre todo, recoñecer a obra do máis importante humorista gráfico galego desde Castelao, como moi ben dixo Félix Caballero.

Agora, o pasado 31 de octubre, Marín recibiu o Premio da Crítica ás Artes Plásticas. Un premio relevante porque – penso que por primeira vez- se premia a un artista plástico por una obra que nada ou pouco ten coa pintura convencional. E aquí xa non se pode dicir que é tamén un premio aos compañeiros de profesión. É un premio a Xaquín Marín, un artista diferente, reservado, tímido, alonxado de galerías e tertulias; que viviu debuxando des que, de rapaz, se iniciou na Arte con A grande, a da aprendizaxe rigorosa, a do camino de perfección tan difícil de acadar como a do espírito. Esa Arte con A grande que el arrequece cada día.

Noraboa, compañeiro.

Con-Félix-Caballero,-autor-da-tese,-en-Pontevedra

2 comentarios en “Xaquín Marín

  1. Sei da túa admiración pola obra de Marín, porque ma tes comentadas moitas veces, mais gustoume vela epxresada e explicada outra vez aquí. Que podo dicir? Desde a miña humildade, concordo plenamente. Graciñas pola mención á miña tese de doutoramento, na que, certamente, tiveches moito que dicir, e, sobre todo, pola túa nova reflexión sobre a obra de Marín co gallo da concesión do Premio da Crítica.

  2. Moi bo artigo Siro. Xaquín Marín é un referente, para min tamén o foi. Dende ben cativo seguindo as súas viñetas na Voz de Galicia e non sei ata que punto puido influír en que eu tamén quixese debuxar. Sempre me chamaron a atención del 3 cousas:
    1-As súas sentencias, frases lapidarias e sabias.
    2-A súa galeguidade, o coñecemento da identidade galega.
    3-O seu estilo tan definido e propio. Como cun branco e negro nos facía ver cores e 3D…

    Moi merecido o mérito concedido e parabéns por dedicarlle este artigo.

    Saúdos,

    Xosé Manuel /
    (Fago a sección de humor do Galicia Confidencial)

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies