Jose Couso por Siro

Presentación do XII Premio Couso de Liberdade de Prensa

Jose Couso por Siro
José Couso por Siro

Discurso de Siro López, Presidente del Club de Prensa de Ferrol na presentación o mércores 24 de febreiro da XII Edición del Premio José Couso a Liberdade de Prensa.

Bo día. Presentamos hoxe a duodécima edición do Premio Couso de Liberdade de Prensa nunha circunstancia nova. O 9 de xuño de 2015 o xuiz Santiago Pedraz, que tentou levar ante a Xustiza aos militares estadounidenses que asasinaron a José Couso en Bagdad, o 6 de abril de 2003, recoñeceu a imposibilidade de manter aberta a investigación despois da reforma da xustiza universal, feita polo PP en marzo de 2014; unha reforma que restrinxe drásticamente a capacidade dos nosos xuíces de perseguir delitos cometidos fóra do territorio español.

Antes houbera xa dous intentos da Sala do Penal da Audiencia Nacional, de arquivar as dilixencias, ao considerar que se tratou dun acto de guerra contra inimigo erróneamente identificado. O Tribunal Supremo rexeitou as dúas veces esa interpretación porque no Hotel Palestina, atacado polo taque de combate estadounidense, só había xornalistas.

Des que o xuiz Pedraz fixo esas declaracións púxenme moitas veces na pel de Maribel Permuy, a nai de José Couso, que tanto loitou para que o fillo non fose un dano colateral na guerra de Irak, declarada polo goberno dos EEUU por intereses exclusivamente económicos, cos do Reino Unido e España como comparsas e cómplices. Non podo imaxinar como se sentirá hoxe esa muller, pero podo imaxinar a impotencia, a raiba e a desesperación que sentiría eu se o reporteiro asasinado fose o meu fillo.

Sen embargo o que máis me irrita non é ver o Goberno español bailándolle as augas ao dos EEUU, porque non me sorprendeu e non creo que sorprendera a ningún de nós; o que de verdade me irrita é a ruindade dalgúns ferroláns que tentan luxar a loita exemplar da familia. Por dúas persoas execelentes, ben pensantes, e sen ningunha relación entre elas máis que o feito de ser ambas veciñas de Ferrol, souben que hai na cidade quen cuestiona a actitude da familia Couso Permuy, acusándoa de buscar protagonismo e poñendo como exemplo de actitude digna a discreción do político Julio Anguita, pai doutro xornalista –Julio Anguita Parrado- morto na mesma guerra. A quen é tan ruin como para tentar enfouzar a coraxe desa nai-coraxe, nada teño que dicirlle; pero aos ferroláns desinformados que poidan ser sorprendidos por quen fala con lingua de serpe, quero aclararlles que o corresponsal de guerra Julio Anguita Parrado acompañaba á 3ª División de Infantería do Exército estadounidense e que se atopaba no centro de comunicacións desa División no que caeu un misil iraquí, causando tamén a morte de dous soldados. Foi unha acción bélica previsible e Julio Anguita morreu – e non quero que esto soe a broma- nun “accidente laboral”; pero a morte de Couso produciuse cando os militares que conducían o carro de combate dispararon contra o hotel Palestina porque alí estaban os reporteiros que, en nome la liberdade de expresión, contaban ao mundo as atrocidades daquela guerra. Foi un asasinato.

Díxeno o pasado ano ao presentar o Premio Couso na Coruña, e repítoo hoxe aquí, en Ferrol: cando os compañeiros levaban a José Couso ao hospital, pediulles que lle mantivesen a cabeza alta. Levar a cabeza alta é unha actitude irrenunciable na familia Couso Permuy. Véndoos é imposible que os que somos boa xente non nos sintamos tocados, aguilloados, pola súa exemplaridade. É como se a firmeza e a valentía do seu andar sacralizasen un camiño que as persoas de ben precisamos seguir.

O Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia levamos seguíndoo doce anos e seguiremos facéndoo, coa axuda de La Caixa, o Concello de Ferrol e hoxe a Galería Sargadelos. Seguirémolo para recoñecer o labor –as máis das veces a heroicidade moral– duns profesionais da información que día tras día loitan pola liberdade e pola dignidade de todos.

Siro López

1 thought on “Presentación do XII Premio Couso de Liberdade de Prensa

  1. Magnifizenz discurso ,sin pelos en la legua,en defensa de Couso y de todos los peroodistas que arriesgan y dan su vida por mantener informado al Mundo,sobre las atrocidades de la guerra.Parabens amigo Siro e Apertas Sigur asi siemprre!

Leave a Comment