Cervantes e o humorismo academia galega

Presentación do libro “Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo”

“Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo” é o título do meu último libro, un ensaio de moitas páxinas no que matinei media vida e que, por fin, puiden rematar en 2016, ao se cumprir catro séculos do pasamento de Cervantes. Coido que ao autor do Quixote lle gustaría o que digo porque, despois de seguilo en toda a súa peripecia vital, tan inzada de dificultades, cheguei a sentirme amigo seu e a valoralo e querelo. Non é retórica. Por incrible que pareza, teño a sensación de pasar boa parte da miña vida con Cervantes, compartindo as súas alegrías e sufrimentos. ¿E sabedes o mellor? Síntoo vivo , e só me faltan na axenda o seu teléfono e correo electrónico para dialogar con el de viva voz ou por escrito, porque co pensamento fágoo decote.

Non toleei, nin estou chocho. O que me pasa a min pasoulle antes a moitos dos que se achegaron a Miguel de Cervantes para comprendelo.

Pero o meu ensaio non é unha biografía, aínda que certos aspectos biográficos sexan imprescindibeis para entender por que Cervantes escribiu o Quixote e por que o escribiu así. O meu ensaio trata, mesmamente, disto que acabo de dicir: por que Cervantes escribiu o Quixote e por que o escribiu así, creando a primeira novela moderna e un novo xénero ou forma de humor: o humorismo.

Nunca antes se fixera. Houbo cervantistas que escribiron fermosísimos capítulos sobre o humor de Cervantes, pero un traballo que analice esta cuestión non se fixo en ningún idioma e, mira por onde, o menda lerenda fíxoo e fíxoo en galego.

Gustaríame que me acompañasedes todos no acto de presentación do libro que terá lugar na Real Academia Galega, rúa Tabernas –ese nome tamén lle gustaría a Cervantes- o xoves, día 16, ás 19:30 horas. Xa sei que non poderá ser, pero convidados quedades todos.

16 de marzo, 19:30 horas

Real Academia Galega
R/ Tabernas, 11
A Coruña

Leave a Comment