Antonio Tenreiro despois da mostraAntonio Tenreiro despois da mostra

antonio_tenreiro
Vista Alegre de Antonio Tenreiro

Agora que aínda está na memoria dos afeccionados a exposición que sobre a obra de Antonio Tenreiro fixo o Museo Municipal de A Coruña, e antes que o pintor coruñés volva ao silencio e ao olvido no que estivo os últimos anos, quero agradecer ao Museo a feliz iniciativa, que permitiu aos mozos afeccionados á pintura descubrir un mestre, e aos que xa o coñeciamos ratificarnos na convicción de que Tenreiro foi –é- un gran pintor, posuidor dunha lingoaxe plástica orixinal, que lle permitiu reducir a complexidade do mundo real a simplificacións de formas e cores, belidas e fortemente expresivas. Quizais, entre todas as excelencias da súa arte, a máis sorprendente sexa precisamente esa: a capacidade de apreixar o esencial e mostralo en imaxes engaiolantes pola sinxeleza das formas e o gusto exquisito nas harmonías da cor.

Vendo os cadros de Tenreiro temos a sensación de que pintar é doado. Non é tal; pintar ben nunca é doado, pero ante o lenzo en branco ten moitas máis posibilidades quen sabecomo Antonio Tenreiro, ecunha lingoaxe plástica tan ricaz como a súa.

Dixen xa que Tenreiro, intelixente e sensible, educado nun ambiente familiar liberal e culto, aprendeu a ver, vendo en Europa, desde neno, os movementos artísticos das décadas anteriores; e que aprendeu a expresar estudiando os grandes creadores deses movementos. Despois, o horizonte que tiña ante si era amplísimo, e os camiños a seguir moitos e moi distintos, pero desde o principio tivo claro que, en calquera tema, con calquera estilo, daría unha visión da realidade, sintética, expresiva e fondamente lírica. E conseguiuno. As paisaxes rurais e urbanas, os interiores e os bodegóns de Tenreiro producen as sensacións de silencio e paz; como se detivese o tempo no intre preciso da recreación. Por eso a crítica calificouno de pintor intimista.

O que poucas veces se di é que Tenreiro puido facer tan espléndida obra porque era un excelente debuxante. El preferiu pintar e non chegou a desenvolver totalmente as extraordinarias condicións que posuía  para o debuxo de liña ou de mancha, pero hai tanta arte nos debuxos dos seus cadernos de viaxe, no soporte gráfico das pinturas de interiores, de prazas, rúas, tellados, montes e vales, que eu admiro igual o pintor e o debuxante.

Como outros grandes creadores, Antonio Tenreiro procurou a volta consciente á liberdade creativa da infancia, e conseguiuna con moita fortuna; de aí que nos abraien e conmovan eses acertos de neno en debuxos de artista totalmente madurecido. A delicadeza da liña, coa gracia sinxela da aparente imperfección, a ousadía nas ceras e nas acuarelas, non só demostran a habelencia dun debuxante inspirado, senón tamén a mestría dun artista que coñece os segredos do oficio e, o que é máis importante, sabe moi ben en que consiste a Arte.

A mostra que do gran artista coruñés ofreceu o Museo Municipal de A Coruña deunos ocasión de comprobalo.

Deixa un comentario