XII Premio Couso de Liberdade de Prensa: Miguel Ángel Aguilar

XII Premio Couso de Liberdade de Prensa: Miguel Ángel Aguilar

Por primeira vez en doce anos, a entrega coincidiu coa celebración do Día Mundial da liberdade de prensa, o que supuxo un valor engadido para o gañador, Miguel Ángel Aguilar, que así o recoñeceu no encontro cos informadores no pazo do concello, despois da recepción da corporación municipal, presidida polo alcalde, e de asinar no libro de ouro da cidade. Tamén o acto de entrega, ás oito da tarde, coincidiu co encontro Atlético de Madrid-Bayern de Múnich, pero o teatro Jofre estivo cheo e José Couso, Miguel Ángel Aguilar e os organizadores gañamos por goleada.

Miguel Ángel tivo a desgraza de perder a muller hai dous anos e a sorte de encontrar recentemente a Pilar Moreno de Alborán y Vierna, que o acompañou. Pilar, prestixiosa decoradora, exerce a súa profesión en Madrid, onde reside desde nena, pero os apelidos relaciónana con coñecidas familias ferrolás e en Ferrol e Perlío pasou varios veráns durante a infancia. Chegaron a víspera e ao saír a pasear pola cidade tiveron a primeira satisfacción, porque a xente recoñecía ao xornalista e achegábase a eles para saudalo e darlle a noraboa.

Que Miguel Ángel Aguilar é un gran xornalista, comprometido durante toda a súa traxectoria profesional coa liberdade de prensa, é sabido por todos, de aí a merecida concesión do premio Couso. Que o sentido do humor e a finísima ironía o converten en agudo e divertido contertulio en radio e televisión, tamén; de aí a súa popularidade. Que, ademais de todo eso, é home humilde, cordial, discreto, xeneroso… só pode saberse ao tratalo na distancia corta; e dou fe de que, despois de compartir unhas poucas horas con el, sinto que nos coñecemos de toda a vida.

Na rolda de prensa, Miguel Ángel Aguilar recordou que “sin libertad de prensa difícilmente las otras libertades subsistirían”; que “la Transición española no fue un torneo floral, porque hubo mucha gente que tomó riesgos por defender las libertades después de haber muerto Franco”; e que as liberdades “están permanentemente sometidas a un proceso de erosión y de oxidación”. No xantar sorprendino ao entregarlle a páxina de La Voz de Galicia do día 14 de abril, co espazo Imaxes da Transición, no que eu trataba de Constitución e xustiza militar, e ilustraba o comentario cunha viñeta protagonizada por Forges, Boadella, Pilar Miró e Miguel Ángel Aguilar, que sufriran consellos de guerra. Tamén lle din unha caricatura feita aquela mesma mañá, que Pilar celebrou inmediatamente e que Aguilar recibiu –como sempre sucede aos caricaturizados – como un uppercut no queixo, que o deixou medio noqueado, e do que se repuxo cabo dun par de horas, sentíndose na obriga de desculparse polo parco en palabras de gratitude que fora no momento do agasallo.

En fin, un gran Día da liberdade de prensa en memoria de José Couso, con Miguel Ángel Aguilar, quen, ademais de xornalista prestixioso, é un nacho entrañable.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies