Luis Mera no recordo, sempre

Luis Mera
Luis Mera

Non sei a data en que morreu ningún dos meus seres queridos. Pode ser algo psicolóxico, pero os cabodanos sempre me collen de sorpresa, e, recoñézoo, no me gustan. Nunca penso nos enterros dos amigos, pero si, e moitas veces, nos días felices que convivín con eles.

De Mera recordo os anos ilusionados da Transición, cando el no Ateneo e eu no Club de Perlío, coa colaboración de Manolo López e toda a directiva, pareciamos competir e ver quen organizaba máis actividades para manter o ánimo de rebeldía contra a dictadura; pero tamén recordo a gran lección que para min supuxo velo afrontar a morte con tanta enteireza e serenidade.

Un día, cando xa estaba hospitalizado en Coidados Paliativos, díxome: -Si, é una pena, porque hai tanto que facer, pero… E fixo un xesto de resignación, que se non fose polo dramatismo do momento, ata resultaría cómico. Era unha tarde de domingo e estivemos sos el, Encarna e eu; así que tivemos tempo a falar de moitísimas cousas; sobre todo das que máis nos unían: a gratitude aos homes e mulleres que, de rapaces, nos orientaran e encamiñaran os nosos pasos no mundo da cultura: Arsenio Espilla para min e Julio Aneiros para el foran os primeiros; despois os dous sentiámonos en débeda con Ramón Piñeiro, Rafael Dieste, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Carlos Gurméndez…
Mera contou una anécdota de García-Sabell, que seguía parecéndolle incrible. Fórano visitar á súa casa na Coruña varios membros, non sei se de Comisións Obreiras ou dalgunha asociación cultural, para pedirlle información sobre un personaxe. García-Sabell non só os recibira amabilísimamente e pasara varias horas con eles buscando datos na biblioteca, senón que a última hora da tarde lles dixo: – Eu agora teño que saír, pero vós non teñades presa. Déixovos a chave e cando rematedes, deixádela na portería. Pasaran moitos anos e Mera seguía contándoo amilagrado: -¡Dábanos a chave, deixábanos sos na casa, na súa biblioteca, e non nos coñecía de nada!¡Non aceptamos, claro, pero marchamos admirado da súa personalidade! Falamos tamén do traumática que fora para el a saída do Ateneo, por mor dun enfrontamento no PC, ao que el era totalmente alleo; da exposición do escultor Alberto, a gran figura con Picasso do Pabillón Español da Exposición Universal de París, en 1936, co Guernica no interior e a escultura “España busca un camino que la conduce a una estrella” na entrada. Daquela mostra que os fillos de Alberto accederon a traer a Ferrol, queda a testemuña do pequeno monumento chamado “Toros Ibéricos” nun lateral da Praza de Armas.

Falamos tamén dos cantores e grupos de teatro que chegaban a España fuxindo das dictaduras militares en Sudamérica. Mera avisábame de que estaba en Galicia determinado grupo ou cantor e eu, que dirixía a Casa da Cultura de Narón, contratábao para facer una actuación de extraordinaria calidade. E despois de gañar o aplauso do público, mentres ceabamos xuntos xamón e tortilla en Vicente, ou una enorme fonte de zorza en Velando, gañábannos a nós coa súa bonhomía, co seu idealismo.

Mera amaba todas as manifestacións da cultura e da arte, pero especialmente a música, a gran música. Aquel día contoume que ao primeiro concerto acudira arrastrado por Encarna, pero que moi axiña se convertera nun verdadeiro melómano. Recordar a Mera a través dun concerto é una gran idea dos fillos, e facelo coa participación dos prestixiosos profesionais que van participar, una garantía de éxito. Nada me gustaría máis que asistir e abrazar a Maximino Zumalave, Juan Durán, Narciso Pillo e demais participantes; lamentablemente, o día 20 estarei cos meus fillos e as miñas netas en Tarragona. Pero alá, entre os restos arqueolóxicos romanos, escoitarei, sen dúbida, os acordes dese concerto-homenaxe e pensarei que tamén Luis Mera permanecerá no recordo dos ferroláns, sempre.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies