Julio Cebrián, humorista gráfico

julio_cebrianHai que ver moitas viñetas do gran humorista gráfico que foi Julio Cebrián para coñecer, valorar e saborear as excelencias da súa obra. Digo “saborear” porque os miles de viñetas saídas do seu enxeño e da súa man son un menú longo e estreito que cómpre degustar a modo, poñendo atención na presentación e no gusto das viandas, sabiamente cociñadas. Moitos dos que non o coñecen viron algunha vez a reproducidísima portada que no ano 1966 fixo na revista La Codorniz coa caricatura de Fraga portando a flamante “Lei de Prensa” nos brazos. Julio Cebrián ten a honra de ser o primeiro en caricaturizar na prensa española a un ministro de Franco, pero no seu facer de grafista esa popular portada é só unha anécdota. Cebrián foi un debuxante orixinalísimo, expresionista e surrealista a un tempo e creador dun estilo persoal, axeitado ao seu humor entre satírico e tenro.

Ante a imposibilidade de comentar a súa obra ao longo de máis de seis décadas, detereime en dúas etapas: a da plenitude nos anos setenta, cando era unha das estrelas de La Codorniz, e a última, con oitenta anos de idade, en Interviú.

Alguén comparou o Julio Cebrián dos anos setenta co alemán Grosz, supoño que polo marcado expresionismo dos deseños e pode que tamén pola novidade do estilo. Grosz contou nas memorias que para crear aqueles personaxes tan distintos a todo o feito anteriormente no grafismo satírico, se inspirara nos debuxos dos nenos e nos grafitis que vía nos retretes públicos. Cebrián non dixo como creou aquela linguaxe gráfica tan persoal, tan súa, que ninguén ousou imitar; pero quizais non fixo máis que converter en creación artística a torpeza dos riscos nos debuxos da propia adolescencia. Despois estudaría a Grosz e a moitos outros debuxantes e pintores, ata se converter nun autodidacta culto. Tanto, que en La Codorniz exerceu de crítico de arte, moi respectado polos artistas.

Tamén escribía con gracia e boa prosa. Xa no libro “En un periquete”, editado en 1963, presentara viñetas e narracións; pero a finais dos setenta publicaba en distintos medios artigos divertidos e de moita calidade literaria.

Naquel momento de plenitude coñecino eu, en 1977, cando a alguén da UCD triunfante nas primeiras eleccións democráticas se lle ocorreu organizar un encontro de humoristas gráficos en Granada. Cebrián tiña 48 anos, era alto, elegante, risoño -ría coa boca e cos ollos- e falaba moi ben e sen acento galego, aínda que era da Rúa de Valdeorras e esa circunstancia condicionou, na miña opinión, o seu humor, máis sarcástico que satírico. (Enténdase o sarcasmo como a capacidade de rir do propio fracaso e a sátira como o reaxir irado contra o próximo).

O Cebrián de Interviú, con oitenta anos cumpridos, paréceme tan admirable como o de La Codorniz, porque é máis expresionista, máis surrealista e máis vangardista que nunca. Con oitenta anos, Cebrián debuxaba e pintaba –nunca as viñetas foran tanto “debuxo e pintura”-  coa creatividade dun mozo de vinte. Se o Cebrián de La Codorniz podía ser relacionado con Grosz, o de Interviú fai lembrar ao Bernini octoxenario que, con trazos tremelantes, debuxa a impresionante caricatura do papa Inocencio XI, converténdoo nun insecto.

Coido que unha escolma dos debuxos-pinturas de Cebrián publicados en Interviú nos anos 2010 e 2011, tan diferentes e tan audaces sempre, darían nunha exposición a verdadeira dimensión deste humorista gráfico galego, de talento inagotable.

O lector interesado pode acceder a estas viñetas na web de Interviú.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies