José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina

Siro López
Siro López

O pasado día 4 empezou en Compostela a itinerancia por varias cidades galegas da mostra de debuxos de José María Cao Luaces (1862-1918), galego de Santa María de Cervo, que a consellería de Cultura montou coa colaboración do Club de Prensa de Ferrol.

A exposición consta de corenta paneis, de gran formato, e presenta traballos de distintas épocas deste gran debuxante, que debería ser o creador do humor gráfico e da caricatura galegos, pero marchou con vintecinco anos a Bos Aires, onde os propios colegas –de distintas nacionalidades e moitos de gran talento- o recoñeceron como “o patriarca da caricatura arxentina”.

Eu descubrín a Cao hai corenta anos nun opúsculo publicado por Luís Seoane. A biografía era mínima e as reproducións en grises, pero, aínda así, sentinme interesado por el e pola súa obra, que me foron sorprendendo gratísimamente en cada descubrimento que facía en distintas publicacións. Nos anos oitenta púxenme en contacto cunha importante librería de lance bonaerense, que posuía numerosos orixinais do xornal Don Quijote, da última década do século XIX, dirixido polo anarquista español Eduardo Sojo, e no que tivera especial protagonismo José María Cao. Merqueinos todos e ademais de pagalos caros tiven que facelo en dólares a través dun banco dos Estados Unidos; pero foi unha magnífica inversión porque alí estaban moitas reproducións litográficas das extraordinarias caricaturas políticas de Cao, entre 1891 e 1894, na súa etapa revolucionaria. En 1894 Don Quijote pechou por orde do presidente da República, o que dá idea da importancia que acadara a publicación, dirixida nos dous últimos anos por Cao, mentres Sojo tentaba repetir o éxito en Madrid con outra publicación que chamou tamén Don Quijote.

A adquisición dos orixinais permitirme valorar o enorme talento do xove Cao e o seu compromiso co ideal libertario e descubrir erros importantes que os biógrafos viñeran repetindo, copiándose uns a outros. Tendo o máis difícil de obter, seguín a traxectoria de Cao en publicacións nas que colaborara posteriormente, de distintas características, e sobre todo a que fora coñecidísima e moi prestixiosa Caras y Caretas, que ilustrou e dirixiu.

En 1993 fixen a primeira biografía ampla e rigorosa de José María Cao, con ilustracións representativas da súa obra, que editou primorosamente a Deputación de Lugo na propia imprenta. O libro esgotouse no momento de nacer, pero serviu para que a consellería de Cultura incluíse a Cao entre os galegos que deberían figurar na colección A nosa memoria, destinada aos colexios, e me encargase a elaboración do texto e a selección das ilustracións dun pequeño volume, que se editou en 1996. Aínda volvín ocuparme de Cao na obra de teatro Hai que confiar na esperanza, que obtivo o premio Álvaro Cunqueiro en 2004; e esta circunstancia fixo que un estudoso da obra de Cao, o arxentino Julio Mauricio Neveleff, entrase en relación comigo a través do correo electrónico e que durante varios anos intercambiasemos informacións e opinións para a gran biografía que el estaba a facer. No Curso Gurméndez de 2014, que tratou “do humor en tempos convulsos”, o Club de Prensa de Ferrol invitou a Neveleff a dar unha conferencia sobre Cao e el e eu presentamos a exposición  de corenta reproducións da súa obra, nunha espléndida sala de //Afundación. Foi a primeira vez que se puido ver unha exposición representativa da obra de Cao e, certamente, non deixou indiferente a ninguén.

Aquela mostra é a que o día 4 inauguramos en Compostela, na biblioteca Ánxel Casal, nun acto no que participaron os secretarios xerais de Cultura e de Emigración, Anxo Lourenzo e Antonio Fernández; e ao que asistiu xente da cultura e da arte, como o ilustrador David Pintor; os estudosos das artes plásticas e do humor gráfico, Pedro Taboada e Félix Caballero; o director do Museo Valle Inclán de A Pobra do Caramiñal, Antonio González Millán; o filósofo Ramón López Vázquez, e o poeta Fernández Abella, ademais da directora da biblioteca,

Como en data próxima, aínda sen fixar, darei unha conferencia en Compostela sobre a apaixonante vida do idealista que foi José María Cao Luaces, ilustrada con proxeccións dos seus mellores debuxos, limiteime a facer ver, ante os paneis, a abraiante facilidade do artista galego e a coidadísima elaboración de cada estampa, de xeito que fixo de cada caricatura, de cada debuxo de humor, unha obra de arte. Dixen tamén que de Cao aprendeu Castelao e que espero que ao rematar a itinerancia desta exposición, este grande artista galego sexa, por fin, coñecido na súa terra.

Díxeno porque neso confío.

Siro

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies