O hermano Amadeo

O “hermano Amadeo”
O “hermano Amadeo”

Cando eu o coñecín xa non era o “hermano Amadeo”, profesor das Escuelas de las Instituciones de Beneficencia y Previsión de la Sociedad Española de Construcciones Navales, que os ferroláns, por abreviar e citalas con maior precisión, chamabamos a Escola Obreira. Secularizárase despois dun enfrontamento sin solución posible cos superiores e pasou a ser “don Jesús”; pero nunca deixou de ser o “hermano Amadeo”.

Coido que ningún dos seus alumnos o recordou en ningunha publicación, pero fíxeno eu o pasado día 6, na conferencia que din en Exponav para conmemorar o centenario da creación da Escola Obreira. (Reproducir conferencia enlace)

Don Jesús foi o meu profesor de matemáticas a comezos dos anos sesenta, cando preparaba as probas de ingreso en deliñación. Era un home grande, de complexión forte, con aspecto de campesiño, que surría case sempre de orella a orella. Tiña, si, presenza amable e, sen embargo, era un dos homes máis reaccionarios que coñecín; un home de Trento, fanático, que daría un temible inquisidor.

O rito era moi importante para el e antes de empezar as clases rezabamos un painoso en pé, cos brazos cruzados sobre o peito; despois despedíanos na porta, un a un, expresando o desexo de que Deus nos protexese e guiase os nosos pasos. Os nosos pasos –os malos pasos, claro- preocupábano moito porque eramos mozos e estaba obsesionado co sexto mandamento.

Un día retívome ao saír e levoume collido por un brazo, sen soltarme, ata un cuartiño interior; mandoume sentar e preguntoume cantas veces me masturbaba. Eu tiña 18 anos e, a verdade, xa non me masturbaba; pero non podía dicirllo porque tería que explicarlle a razón e non soportaba vernos con rapazas. Aborrecía o cine, onde –pensaba- iamos para refocilármonos como cochos ás escuras, e o baile; sobre todo o baile. Os folletos que se repartían nalgúns centros de esparcimento católicos, nos que se vía o diabo con cornos e rabo incitando a pecar aos rapaces e rapazas que bailaban, eran fume de pallas comparados coa verborrea de don Jesús. Era tan aldraxante para a condición feminina todo canto dicía, tan noxento o que dicía de nós, que moitas veces saín disposto a non volver. Logo, na rúa, como todos trocaba o cabreo pola risa, faciamos mofa del e chamabámoslle “Cachucho”. Non sei por que, pero aquel alcume liberábanos da carraxe.

Un día, moi nervioso, anunciounos que ía casar cunha muller chamada Minia, que tiña –díxonos- nome de santa galega.

A señora era moi agradable e coido que algo de santa debía de ter para aturar a aquel home terrible que vivía ancorado no século XVII, dominante e machista, para quen o seu criterio era dogma.

Certamente o meu recordo do “hermano Amadeo”, o único profesor da Escola Obreira que coñecín, non é nada favorable. E sen embargo recoñezo que foi o mellor profesor de matemáticas que tiven na miña vida. Digo máis: as matemáticas que aprendín co hermano Amadeo cando xa era don Jesús, condicionaron de tal xeito a miña estrutura mental, que todo canto fixen non só como deliñante de Bazán, senón tamén como xornalista en prensa, radio e Tv, e sobre todo nos meus traballos de investigación da arte e do humor, responde ao programa que aquel home absurdo, ridículo, instalou na miña máquina de pensar.

As matemáticas que nos aprendía o ex “hermano Amadeo” pouco tiñan coas que se impartían en España. A aritmética e a álxebra eran as mesmas de calquera academia, pero a xeometría non. E a xeometría, a do espazo, era na escola de don Jesús o importante. Ata o momento en que entrei naquela aula para min a xeometría do espazo reducíase ás fórmulas para calcular as áreas e volumes da esfera, do cilindro, da pirámide, do cono… A don Jesús iso non lle importaba nada. O que el procuraba desde o primeiro día era facernos comprender que a xeometría máis importante é a que plantexa problemas en tres dimensións. O primeiro dos centos que aprendimos a resolver, o máis sinxelo, era “como hallar la mínima distancia entre dos rectas que se cruzan”. Para quen non pensa en tres dimensións é un problema difícil; para quen pensa en tres dimensións a resolución é moi sinxela: nun punto calquera dunha das rectas debuxas unha paralela á outra e, como esas dúas paralelas determinan un plano, trazas a perpendicular entre elas e esa é a mínima distancia.

Antes de ir dar a conferencia a Exponav botei unha ollada aos enunciados dos centos que teño nunha carpeta e comprobei que xa non sei resolver ningún; pero quedoume o pouso daquela aprendizaxe, e ese pouso foi importantísimo para min. Para empezar, entendín por que Pitágoras, Tales e outros sabios gregos chegaran á xeometría desde a filosofía; logo –e isto é o esencial- apliquei a lóxica daquel pensamento racional, experimentado na resolución dos problemas, á elaboración dunha caricatura, dun retrato, dun programa de radio, dun curso de galego para a TVG, dun ensaio sobre a arte de Castelao ou o do humor de Cervantes no Quixote.

De maneira que aquel disidente da Escola Obreira, o hermano Amadeo, de quen ideolóxicamente estou nas Antípodas, foi unha das persoas que máis influiu na miña humilde formación intelectual. Penseino moitas veces, pero nunca din testemuña escrita ata que unha conferencia en recordo da Escola Obreira que non coñecín, me deu ocasión de facelo. E gustoume porque é de xustiza.

 

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies