Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: González-Llanos

González-Llanos

Do enxeñeiro e empresario José María González-Llanos Caruncho está dito case todo; do home, case nada. Nin sequera hai fotos súas nos arquivos fotográficos dos xornais, que debeu de ser pouco dado ao protagonismo.

Nos límites deste artigo tentarei achegarme algo á faciana máis humana deste ferrolán, nado en 1899, casado con Ignacia Galvache Cerón, coa que tivo dezaseis fillos, dos que viviron trece, e falecido no 1990.

Se de alguén dicimos que é “persoa de carácter”, soemos dar a entender que ten mal carácter. Non parece o caso de don José María González-Llanos, home de rexa personalidade, e quizais con certa soberbia profesional por ser consciente do seu saber –non confiaba nos informes técnicos, viñesen de onde viñesen, e, dende logo, non admitía leccións de ninguén-; pero respectuoso coa xente de valía, e agradecido a quen lle era leal.Velaí un exemplo:

O proxecto do  primeiro barco construído en Astano, un pequeño pesqueiro de madeira, fixérono fóra da xornada laboral, dous xoves deliñantes da Constructora, Jesús Noval e Alonso Area, na casa de González-Llanos, convertida, provisionalmente, en oficina técnica. Moitos anos despois, cando Noval ocupaba, en Madrid, un alto cargo en Elcano, empresa que, temporalmente, auxiliou a Astano, acompañou a un superior a unha entrevista con Llanos. O directivo de Elcano entrou so no despacho, e Llanos, que sabía das humanas vaidades, preguntoulle: -¿Ha venido usted solo? O directivo respondeu que viñera con Noval, e Llanos comentoulle: -Pues me agradaría saludar a Noval. Así que o directivo saiu a explicarlle a Noval que Llanos quería saudalo; e cando Noval entrou no despacho, Llanos púxose en pé, abrazouno e bromeou: -Antes no tenía usted bigote.

Aqueles primeiros deliñantes de Bazán que formara na España da postguerra foron un orgullo para el, e cando, xa xubilado, recibiu a visita dos tres que marcharan a Astano –Deus, Pereira e Sande-, o día que se cumprían cincoenta anos da creación da Escola de Deliñantes, tivo unha enorme alegría.

Quero subliñar o respecto e a consideración que González-Llanos, home do 18 de xullo, tivo para os vencidos na Guerra Civil e os non adictos ao Réxime. Des que teño memoria destas cousas oín contar que nunha botadura en Bazán, Franco preguntoulle se había moitos roxos na empresa, e Llanos respondeulle escuetamente: -Suficientes, excelencia. Sabido é que os non readmitidos na Constructora pola folga do aceite, entraron en Astano, e que maquinistas navais expulsados por servir en barcos da República, entraron en Fenya e Astano. Teño, ademais, unha experiencia familiar:

Meu pai e González-Llanos eran da mesma idade e de rapaces xogaron ao fútbol en equipos distintos. Nun dos enfrontamentos, meu pai meteu varios goles, Llanos felicitouno, e dende entón se saudaron cun aceno cortés. Chegou a guerra, meu pai foi ao cárcere e, ao saír, cabo de catro anos, abatido e enfermo, fixo o que tantos outros: agardar ao director da Constructora no portal da casa para lle pedir traballo. En canto Llanos viu a meu pai foi dereito a el, escoitouno e díxolle que se presentase o día seguinte na oficina de dirección.

Meu pai, albanel de profesión, entrou na Constructora e eso salvoulle a vida, pois meses despois tiña que encamarse durante dous anos, cunha tuberculose avanzada.

Hai débedas de gratitude que nunca se pagan.  

 

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies