Puntadas sen fío: Fútbol e xeometría

Jorge Valdano por Siro
Jorge Valdano por Siro
Jorge Valdano por Siro

Hai poucos días contoume unha amiga que nunha tertulia da TV unha invitada acababa de dicir “Muy de cerquita. ¡Ah, qué bien súper de cerca!”. Os idiomas cambiaron sempre, pero non hai dúbida de que hoxe, co chatear nos móbiles, o idioma dos xoves cambia cada día.
Hai, ademais, un interese en competir e ver quen se mostra máis orixinal, e supoño que un dos máis creativos será aquel rapaz de Ferrol a quen a profesora mandara escribir unha frase na que aparecesen as voces “imprescindible” e “incluso”, e escribiu: “Hoy hace un día imprescindible, aun incluso”.
Agora que a Real Academia da Lingua Española aceptou a forma “iros” como imperativo do verbo ir, seica numerosos tuiteros se manifestaron defensores da pureza do idioma  e puxeron o berro no ceo. Un académico comentou que ten graza que as protestas veñan dos que máis deterioran o idioma.
Ten razón en parte, só en parte, o académico porque os tuiteros deterioran o idioma dos xoves, pero quen deteriora o idioma dos adultos somos os periodistas, coa complicidade da Academia. Un simple exemplo ilustra o proceso. O verbo “urxir” foi, con toda lóxica, intransitivo ata que un día a un xornalista se lle ocorreu titular unha información “La oposición urge al gobierno…” O disparate era gordo, pero tivo éxito e todas as oposicións “urxiron” a todos os gobernos do Estado. A Academia decidiu que o verbo “urxir” pasaba a ser transitivo.

Os periodistas deportivos inventaron unha nova xeometría para explicar o fútbol. Se un equipo xoga ao ataque e lanza moitos balóns á portería contraria, din que fai un xogo “vertical”. Se o equipo “especula co balón” e, en vez de atacar, o pasa dunha banda a outra, din que fai un xogo “horizontal”. De nenos aprendimos que vertical é un plano perpendicular ao chan e horizontal o plano paralelo; pero como os periodistas deportivos son de letras, confundiron “vertical” con “perpendicular” e “horizontal” con “paralelo”, e liáronse. A nova xeometría aprobouse por aclamación e ata un mestre da oratoria como Valdano fala de xogo vertical e horizontal. Tamén chaman “palo largo” e “palo corto” aos postes da portería, segundo a distancia que están do espectador, mais para esa xenialidade non teño explicación.

Pregúntome canto tardará a Real Academia da Lingua Española en aceptar a xeometría futboleira para cumprir o mandado do seu lema: “Limpia, brilla y da esplendor”.    

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies