Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: O ambiente na Oficina Técnica

oficina_tecnica_bazanAprobado o ingreso en deliñación, íamos destinados a calquera das catro oficinas técnicas existentes: Proxectos, Casco, Electricidade e Maquinaria. Eu fun á de Maquinaria e mentres aprendía o oficio, día a día, co proxectista Antonio Nogueira, profesor excelente e boísima persoa, cun fantástico sentido do humor, asistín durante tres anos aos cursos de formación que impartían ex maquinistas da Armada e enxeñeiros. Ao rematalos eramos deliñantes de 2ª e integrabámonos en distintos equipos. Eu entrei no de Ezequiel Quinteiro, especializado, como o de Eugenio Merino, en facer as disposicións de maquinaria nas cámaras de máquinas dos buques e darlles os necesarios servizos de auga doce e salgada, aceite, combustible, vapor, sentina, etc. Nunca traballo máis difícil vin na miña vida, porque cando o barco xa estaba cheo de tubos, bandexas de cables e condutos de ventilación, e había que pasar unha tubería de proa a popa e de babor a estribor, alí estaban Armando Méndez, os irmáns Trastoy, Freire, Celigueta, Chaves, Manolo García, Ramón Seoane, Anoeta… esculcando durante horas as vistas en planta, alzados e seccións para procurar un camiño. Semellaba imposible que o houbese, pero habíao e eles atopábano.

As disposicións de tubería debuxábanse a escala con lapis semiduro en papeis vexetais enormes –os das plantas e alzados podían ser de 2,5m x 1,25m-, que despois de varios meses de “pinta e borra” eran auténticos xeroglíficos. Entón aparecían outros facedores de milagres: os “calquistas” Alfonso Fuentes, Paco Porto, Teo Lozano e Folgar, identificando cada tubo ao reproducilos noutro vexetal con tinta chinesa, valéndose de tiraliñas e compases que eles afiaban con mimo.

Eran os traballos máis laboriosos, pero todo canto se facía en Deliñación esixía a maior responsabilidade e unha execución perfecta. E así se facía; por eso penso que non coñecín outro grupo profesional tan competente e que boa parte daquela xente estaba preparada para afrontar con éxito calquera tarefa, fose na produción de coches, na elaboración dun xornal ou no equipo de Goberno da cidade.

Aínda que dalgúns compañeiros se falaba con especial admiración, empezando por Enrique Merino, valoradísimo en toda España polo seu saber en Turbinas e Caldeiras; de Baudilio Sanmartín, Celso Calaza, Seoane Davila e algúns outros, o nivel profesional era tan alto que o respecto mutuo estaba garantido. E tamén a cordialidade, que estoupaba na “Comida da Irmandade” anual, con asistencia dos xefes, e un remate musical inevitable: o “man a man” entre o tenor Llano Cotrofe, cantando “Oh, sole mío” e o barítono Chucho Varela, que interpretaba o brinde da zarzuela “Marina”, aplaudidísimo cando dicia “yo me volviera pato para nadar”.

Nin sequera a presenza das dúas Españas alteraba o bo ambiente da oficina. Cada 20 de novembro Antonio Riveiros e Antonio García poñían a camisa azul e asistían á misa por José Antonio. Non recordo que o fixesen Ezequiel Quinteiro, nin Isidoro García del Cerro, falanxistas tamén. Na Oficina Técnica había falanxistas, franquistas e antifranquistas, pero levabámonos ben e apreciabámonos, aínda que eu teño na conciencia un par de discusións -que o deixaron ao borde do infarto- con Ezequiel Quinteiro, o meu xefe e amigo, que tantas probas me deu de afecto.

O 21 de xuño de 1963 houbo fumata branca no Vaticano e cando Chaves veu vir a Armando, o sobriño de Fanego, con cara de circunstancias, preguntoulle a berros: -¿Montini? Armando asentiu: -Montini. Chaves saiu correndo a celebralo na terraza, talmente como Sergio Ramós corre á banda a celebrar os goles que mete de cabeza. Quinteiro, Isidoro e Riveiros quedaron amolados, e os roxos sacamos peito, sabendo que no futuro Pablo VI teriamos un aliado contra o Réxime. E non había máis. ¡Home, tiñamos un ordenanza que fora voluntario á División Azul, e chamabámoslle Leira “o ruso”; e el contentísimo…!

 

1 comentario en “Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: O ambiente na Oficina Técnica

  1. Amigo Siro: A verdade que leo todolos teus artigos y nunca che escribo ningún comentario. Pero neste momento non podo pasar sen decírche o moito que me gustan. Describes con tanta claridad toda las situacións e vivencias acontecidas en Ferrol e na Bazán que me fás crer que eu mesma as presenciei.Poidera ser porque moitos nomes e alcumes xa os escoitei moitas veces por parte da miña familia política, pois foron casi todos Bazanístas.Recordo mui ben a primeira vez que lles escoitei falar da “Macabra” Aquelo fíllome abrír os ollos dunha cuarta.Despois xa soupen de que se trataba, pero ahora que tí o mencionas,veñen de nobo moitas cousas daquelas a miña memoria.Hay que recoñecer que aquelas xeracións de Ferrol fúchedes unhos fora de serie en casi todalas facetas, por non dicir en todas.Y gracias a algúns coma tí ( que por certo tes unha memoria pribilexada) non caerán nunca no olvido y serán, ou seredes, recordados todolos personaxes dos que falas así coma os feitos que tan bén relatas. Douche as grazas por compartir con todos a tua valiosa labor.Ojalá que non te canses e sigas facendonos disfrutar por moito tempo. Por certo, y cambiando un pouco de tema, quero dicirche que te vín na TVG na praza do humor manisfestandote contra do terrorismo ( maldito) a verdade é que non nos coñecemos personalmente pero cando te vín pareceume coma si te coñecera de sempre, y pola miña parte así é.Iso suele pasar cos famosos que saídes moito nos medios. Non me extendo mais. Dicirche de novo que aínda que non che escriba con frecuencia, leo todo (ou casi ) o que publicas. Unha cariñosa aperta. Fé.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies