Fernando Quesada, colega admirado e amigo querido

Fernando Quesada
Fernando Quesada
Eisenhower advirte aos toureiros Kennedy, Franco e De Gaulle que o touro Kruschev embiste pola esquerda.

Téñome preguntado moitas veces que estraña coincidencia se deu nos proxenitores dos irmáns Quesada Porto para que todos saísen con talento artístico e tan boa xente. Fernando ademais de talento e bonhomía tiña moitísima gracia e unha enorme alegría de vivir, que transmitía a cantos o rodeaban. Ninguén ría tanto, nin gozaba tanto da risa; a non ser Ana Legido, a muller; encantadora, divertida e tan optimista coma el.

Fernando Quesada, unha das grandes figuras do xornalismo galego e o humorista gráfico que exerceu de ponte entre as xeracións da República e a posguerra, chegou a Faro de Vigo, o xornal onde colaborou durante cincuenta anos, grazas ao seu carácter extrovertido e animoso. Na mesiña de noite da pensión onde vivía, alguén puxera uns retallos dun xornal para tapar os furados da polilla, e alí estaban as viñetas dun grafista americano moi celebrado. Fernando pensou que aquello podería facelo el e decidiu ofrecerse ao Faro de Vigo. Recibiuno o director, Manuel Cerezales, quen, amablemente, lle dixo que o que necesitaban era un caricaturista político e preguntoulle se el facía caricatura política. A resposta de Fernando foi a que cabía esperar: -¿Caricatura política yo? ¡Es lo mío! E aquela tarde fixo na pensión a primeira caricatura política publicada en Galicia no franquismo, coa particularidade de que un dos caricaturizados foi o mesmísimo Franco.

Estou certo de que foi a primeira caricatura de Franco que saiu na prensa española, como estou certo de que en ningún momento lle pasou pola cabeza a Fernando que estaba xogando con lume ao facela. E a caricatura saiu publicada e Fernando Quesada empezou unha carreira de caricaturista e humorista gráfico chea de éxitos. Obtivo os máis importantes premios outorgados en España, gañou o afecto dos compañeiros de profesión e o respecto da clase política, e foi feliz facendo rir aos seus lectores, que medraban cada día.

Fernando era ourensán e converteu ao afiador en protagonista dunha serie que recolleu en varios libros que titulou Chispas da roda. Outro personaxe igualmente popular foi o paisano montado nun burro, que se cruza cos coches en pistas e estradas. Con estes traballos o enxeño e a gracia de Fernando acadaron o máis alto nivel e a acollida do público foi extraordinaria. ¡Quen sabe cantos bares decoraron as súas paredes con aquelas viñetas! Desde que Catelao fixera as Cousas da vida ningún xornalista galego tivera un éxito semellante.

Mentres Fraga presidiu a Xunta, invitounos aos humoristas gráficos a xantar polo nadal, e como Fernando e eu eramos os máis vellos, sentabámos a un e outro lado del. A Fernando e a Fraga gustáballes a historia e mentres remoían a empañada de zamburiñas e o entrecot á pementa, falaban de Hernán Cortés e Pizarro, de Palafox e Agustina de Aragón, ou de sir John Moore e a batalla de Elviña. Pero nos postres sempre recordaban a viñeta en que Fraga, ministro de Información e Turismo, chegaba ao despacho e ao colgar o abrigo no roupeiro vía outro abrigo pendurado máis abaixo, e comentaba: -Ya ha llegado Pío.

E rían os dous a gargalladas, como se estivese recén publicada.

Así recordo a Fernando Quesada, o colega que admiro e o amigo que quero. Seguro que hoxe no ceo se escoitará menos canto gregoriano e máis risas. Moitas risas.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies