A Expo´92, tolería e espectáculo

expo sevilla 1992 por siro

expo sevilla 1992 por siro

Cheguei a Sevilla o 12 de abril de 1992, cando a cidade arrecencía a azahar e fervía en xente endomingada para recibir a Vixe na primeira procesión de Semana Santa. Faltaban 13 días para a inauguración da Expo´92 na illa da Cartuxa e o recinto fervía tamén en traballadores que facían xornadas laborais continuadas para rematar as obras na data prevista. Cun pase especial puiden acceder a el diariamente e vin a transformación do espazo con infraestruturas que nacían en poucas horas.

Obras

Traballábase a ritmo frenético e os accidente eran inevitábeis. No Pavillón dos Descubrimentos producírase un incendio e chamuscáranse as xigantescas siluetas deseñadas por Arroyo. Para disimular os estragos do lume convertéronas, con evidente enxeño, en imaxes de desenfeluxadores. Peor foi o incendio no Pavillón das Illas do Pacífico Sur, de madeira e folla seca, como de maínzo; un dos máis humildes pero tamén dos máis exóticos. No amencer do día 15 sopraba forte o vento e a imprudencia dun soldador inexperto fixo que ardese en poucos minutos. Alí quedou o esquelete renegrido, que daba mágoa velo.

Endebén, a noite do 24 os traballadores parcheaban beirarrúas, repintaban farolas, recollían entullo… e aquel fabuloso recinto no que os países competían, a través dos Pavillóns, en luxo e modernidade, quedaba disposto para a inauguración.

A inauguración

Ás 12 horas do día 25, o Rei Xoán Carlos, o presidente Felipe González e o alcalde de Sevilla, Alejandro Rojas Marcos, inauguraban cos seus discursos, ante 1800 invitados, a que sería a última gran exposición universal. Rojas Marcos esperaba que a Expo fose o primeiro pago da débeda con Andalucía. Non estaría mal porque o investimento nas obras da Cartuxa superaba os 200.000 millóns de pts.

O Pavillón de Galicia tiña como finalidade a promoción do Xacobeo 93 e o primeiro que vía o visitante era a maqueta da catedral e o botafumeiro de 1,60 metros de altura e 80 quilos de peso, que fixera en 1851 o prateiro compostelán Xosé Losada. O mesmo que erguera a pulso Unamuno na visita á catedral, en 1912, cando os coengos lle contaron que, había moitos anos, un peregrino estranxeiro, moi forte, conseguira despegalo do chan.

As 14,30 inaugurouse con asistencia de representantes de todas as forzas políticas galegas, agás o BNG e o PSG-EG. O presidente Fraga entrou coma un lóstrego despois de percorrer media Expo baixo unha calor abafante, e con el, tirando do alento, o conselleiro Vázquez Portomeñe e Daniel Varela, director do Pavillón. Atrás, a comitiva menos lucida que ninguén poida imaxinar: homes espeluxados, cos colos das camisas abertos e as chaquetas no brazo; señoras dobradas, agarradas aos homes, os bolsos polo chan, coxeando nos tacóns altos…

O discurso de Fraga, que falou dunha “Galicia plenamente autonómica” e da “Administración Única”, asinaríao Castelao, pero o abraio de Aznar era evidente. Aínda así, o máis sorprendente foi ver aos restauradores do Pavillón reproducir o milagre da multiplicación dos pans e dos peixes, porque os 300 invitados convertéronse, de súpeto, en 500, e ningún saiu con fame.

Tolería e espectáculo

Manuel Prado y Colón de Carvajal dixera á prensa que Felipe González acertara ao poñer a Jacinto Pellón na dirección da Expo´92 porque era o “tolo” que una empresa tan singular precisaba. A min Jacinto Pellón non me parecía tolo en absoluto, pero a Expo´92, polo dispendio que supuxo para os países participantes, si me pareceu unha tolería. Marrocos, Alemania, o Reino Unido, Xapón, Canadá… chegaron ao cumio da ostentación nos seus Pavillóns. España fíxoo nas fabulosas cabalgatas deseñadas por Els Comediants, nos concertos de primeirísimas figuras e nos espectáculos nocturnos de música e luces no Lago de España. Dos países ricos só EEUU presentou un pavillón discreto, de coste moderado. Os sudamericanos compartiron o Pavillón “Praza de América” e Brasil tivo máis visitantes que ninguén cun espectáculo de samba realizado por un grupo de mulatos e mulatas esculturais, lixeirísimos de roupa. Plácido Domingo entrou diante de min e dou fe de que non o viu ninguén.

Iso foi a Exposición Universal de Sevilla: tolería e espectáculo, “El mayor espectáculo de nuestras vidas”, dicía algunha publicidade; pero non foi así como se vendeu. Pola contra, cando se ofreceu aos empresarios “con imaxinación” afirmouse que quen desaproveitase a oportunidade que a Expo´92 supuña, perdería o tren da historia. Algúns crérono e sufriron grandes perdas ou foron á ruína.

As previsións fixéranse sobre bases falsas e os visitantes tiñan nivel cultural e adquisitivo moi inferior ao que se daba nos datos oficiais. Eran 60.000 sevillanos que adquiriran o pase de temporada por 30.000 pts., a pagar en cómodas mensualidades; xubilados e escolares de toda España e moitísimos curiosos que marchaban cos petos cheos de folletos, sen gastar un peso. No Pavillón de Rusia tiñan á venda espléndidos libros de arte por 5.000 pts. e non venderon un. O encargado fixo a proba de baixalos a 1.500 pts. co mesmo resultado.

Quen entenderon o negocio foron os kenianos, que montaron unha tenda de baratixas e vendéronas moi ben. Tamén os australianos do Pub Kangaroo tiveron un éxito enorme coas cervexas e o karaoke. A cousa non daba para máis e os traballadores contratados polo Pavillón de Andalucía deixábanse fotografar con pancartas nas que reclamaban os salarios que lles debían.

En agosto a prensa falaba abertamente do desastre económico que estaba a ser a  Expo´92, e Jacinto Pellón recoñeceu a existencia de graves problemas económicos e a imposibilidade de acadar “o balance cero” prometido. No Pavillón de España reducíronse gastos poñendo menos horas ao día o aire acondicionado e rebaixando o importe dos agasallos aos visitantes ilustres. Semellaba broma porque o furado era de 50.000 millóns de pts. Os empresarios afectados pedían que as perdas se cubrisen con cartos do erario público. Os propietarios dos restaurantes galegos Casa Solla, La Barra, Vilas, Alberto, Puesto Piloto, Cíes e Rías de Galicia, responsabeis do comedor no Pavillón de Galicia, tamén perderon moitos cartos.

Pero o visitante recorda a Expo´92 polo grandioso e irrepetible espectáculo que a illa da Cartuxa ofreceu ata o 12 de octubre, en que foi clausurada polo Rei.

Pasei nela 50 días -repartidos nos meses de abril, maio, agosto, setembro e octubre-, admirándoa por fóra e coñecéndoa por dentro. Despois, para poñer en orde a información e as ideas, escribín a man e debuxei un libro que titulei ¡Ozú la Ezpo! Coido que nel dicía todo.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies