“Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo” presentación en Madrid

O día 26 de abril, ás 19,30 h, presentabamos na Casa de Galicia en Madrid o meu último libro “Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo”. Se digo que me sentín moi honrado de que o presentador fose Darío Villanueva, director da Real Academia Española, non estou a corresponder con cortesía á súa cortesía, senón a manifestar un sentimento sincero.

Como todos os que o coñecemos, admiro a este home intelixente, culto, cordial e bo. Si, digo ben. Se Darío Villanueva é admirable pola traxectoria profesional, non o é menos pola súa bonhomía. Ser de condición humilde, xeneroso e amable axuda a facerse querer; ser, ademais, responsable nas obrigas, axuda a facerse respectar. Darío Villanueva é todo iso, de aí que sexa querido e respectado no mesmo grao e que eu me sentise tan honrado como agradecido de que adicase moitas horas a ler atentísimamente o meu libro para comentalo ante o público que asistiu ao acto celebrado no precioso palacete da Casa de Galicia.

A intervención de Darío foi longa, case –ou sen case- unha conferencia, unha espléndida conferencia; pero por min podería alongala máis porque en cada tema que expuña advertía que xa estaba tratado por min no meu libro e con acerto. O auditorio valorou a intervención e premiouna cunha ovación enorme.

En nome da Consellería de Educación asistiu e participou no acto Manuel González, membro da Real Academia Galega e director do Centro Ramón Piñeiro, editor do libro. Manolo recordou a miña vella relación co Centro Ramón Piñeiro; que, hai moitos anos, decorei as súas paredes coas caricaturas dos mellores amigos de Piñeiro e que, o ano que se adicou o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro, aportei unha gran exposición de retratos, caricaturas e visións do homenaxeado. Ao Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, e a Manuel González debo a edición deste ensaio. Os dous confiaron en min cando lles falei da conveniencia de participar na celebración do IV Centenario da edición da Segunda Parte do Quixote e do pasamento de Cervantes cun ensaio que explicase por que e como Cervantes creou no Quixote unha nova forma de humor, a máis trancendente: “o humorismo”.

E iso mesmo tentei explicalo, en poucos minutos, a un auditorio atentísimo. Recordei as aportacións de Wenceslao Fernández Flórez, Julio Casares, Pío Baroja, Ramón Gómez de la Serna, Pirandello e Celestino Fernández de la Vega aos estudos do humor, concretamente do humorismo, en Cervantes; e o que o meu libro aporta como novidade ao exposto por eles. Arriscándome a semellar pretencioso e pedante, afirmei que o meu ensaio non é “un corta e pega” porque as tres cuartas partes do mesmo son aportacións orixinais, froito do estudo, a investigación e o exercicio do humor gráfico e literario durante cincuenta anos. Por iso, aínda que, neste intre, nada me gustaría tanto como ver editado o libro en castelán, faime feliz que este traballo, o máis profundo e ambiciosos de cantos existen sobre o humor de Cervantes, nacese en galego.

Venme á memoria, como se estivese a ver un vídeo, o acto de ingreso de Marino Dónega na Academia Galega cun discurso sobre a novela “Os dous de sempre”, de Castelao, e a resposta de Ramón Piñeiro. Cando un aplauso estrondoso premiaba ambas intervencións, achegóuseme Celestino Fernández de la Vega e preguntoume: –Oe, ¿cantos actos deste nivel cres que se celebrarán na Real Academia Española?

Respondinlle que poucos e agora penso que poucos actos deste nivel protagonizarei no que me queda de vida.

A anécdota

Bieito Rubido, director do ABC, é un vello amigo e como amigo se portou ao cubrir a información deste acto. O ABC sacoume na páxina 4 entre “os personaxes do día” e nas páxinas da edición de Madrid adicoume unha páxina enteira. Merquei o xornal, naturalmente; e cando me puxen a facer o crucigrama resultou que  na horizontal 7 había que poñer un nome de varón, que resultou ser “SIRO”. Incrible, pero certo. Escribinlle a Bieito dándolle as grazas pero díxenlle que se excederá co do crucigrama. Aínda debe de estar rindo hoxe.

Deixa un comentario