Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Dous Piñeiros no Seixo

Dous Piñeiros no Seixo

Naceron a cen metros un do outro, en dúas casas fermosas da baixada ao peirao do Seixo, con só oito anos de diferencia. José Piñeiro, o aviador, en 1878; Felipe Bello Piñeiro, o pintor, en 1886. As vidas de ambos darían para dúas películas igualmente interesantes, pero tan distintas como as personalidades dos protagonistas: audaz, optimista, seguro de si, o aviador; feble de carácter e dominado pola nai, o artista. De vivir en París, o aviador Piñeiro sería unha estrela da Belle Epoque; o pintor Bello Piñeiro podería triunfar artísticamente en Montmartre, pero, á sombra da nai, sería un personaxe tráxico.

O pai de José Piñeiro era contramaestre da Armada e foi destinado a Sanxenxo; o rapaz fíxose mariño mercante, despois, por amor, deixou o mar, puxo unha fábrica de gaseosas, un muíño fariñeiro e una liña regular de coches Sanxenxo – Pontevedra.. Pero en 1911, casado e con fillos, viu nas festas da Peregrina a exhibición duns aviadores franceses, e faltoulle tempo para vender todo, marchar a Pau (Francia), sacar o título de piloto, mercar un avión marca Bleriot, de 50 HP, e converterse en acróbata do aire.

Durante dez anos foi un heroe de masas en España e Hispanoamérica; quizais o mellor aviador acróbata do mundo. En Ferrol, no 1913, competiu co francés Poumet para celebrar a botadura do acorazado Alfonso XIII, e realizou o <vó da gueivota>, que consistía en rozar a auga coas ás do avión; pero bateu cun madeiro desprendido na botadura, e o accidente puido ser grave. Porén, cando acudiron a rescatalo, Piñeiro berraba: -¡O avión, salvade o avión, que me costou seis mil pesos! Pouco despois se impuxo en Burgos aos mellores pilotos franceses.

Aínda que a popularidade o levou á alcaldía de Sanxenxo, de 1918 a 1922, Piñeiro arelaba voar, e cando os accidentes e a falta de medios para adquirir un avión competitivo o obrigaron a retirarse, caeu na depresión e morreu en Compostela, no 1927.

Felipe Bello Piñeiro estudou Belas Artes en Madrid, pero volveu ao Seixo para coidar a nai. Alumno seu foi Pepe González Collado, que acudiu tres veces por semana, durante catro anos, a aquela casa, e nunca viu á señora; só a oía dar ordes ao fillo e á criada.

Felipe namorouse dunha veciña, a nai non permitiu a relación, a rapaza casou, el non puido esquecela e deuse á beba. Por eso pintou lenzos espléndidos cando estaba sobrio, e malos cando estaba bébedo. Por eso tardou once anos en facer a marabillosa decoración do Casino de Ferrol, que lle encargaran no 1925, e non a rematou ata o 1936, cando o presidente Antón Vázquez Permuy, para protexelo nos primeiros días do Alzamento, o recluiu na sociedade durante meses.

Ademais de talento artístico, Bello Piñeiro posuía ampla cultura, sólida formación intelectual e, malia a debilidade de carácter, rexa conciencia ética. El foi “galeguista” militante no eido da cultura; de aí o estudo que fixo das cerámicas de Sargadelos; a crítica, orixinal e intelixente, da exposición do “Álbum Nós”, de Castelao; e o eloxio que na guía da cidade, do 1945, fai de Camilo Díaz Baliño -pai de Isaac Díaz Pardo- “paseado” en Compostela no 36.  Por certo, nese comentario Bello Piñeiro fala dun pintor ferrolán chamado Luciano Castro, do que di: –El arte de este pintor representa la tendencia más avanzada como gusto artístico que hoy se puede apreciar en el arte ferrolano.

¿Recórdao alguén?

 

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies