Día das Letras Galegas 2014: Xosé Mª Díaz Castro

Xosé María Díaz Castro
diaz_castro
Xosé María Díaz Castro

Non cheguei a tratar a Xosé María Díaz Castro, pero descubrín a súa poesía a comezos dos anos sesenta, na librería Helios de Ferrol, un sábado pola mañá, mentres andaba a chusmar nos libros galegos e descubrín o titulado “Nimbos”. Recordo a impresión que me causou o primeiro poema que lin, o titulado “Coma ventos fuxidos”, que, a xeito de limiar, abría o libro:

Estes non son poemas, nin cimentos
de poemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,
coma ventos fuxidos,
por antigos camiños esquencidos:
Díaz Castro perdido no traxeito
dun recordo moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!

Non tiven que ler máis. Acababa de descubrir un poeta, un gran poeta. Despois souben da admiración que por el sentían o editor Ramón Piñeiro e o poeta Salvador García-Bodaño, e por eles contáronme que Díaz Castro era dunha familia labrega de Guitiriz, que pasara polo seminario de Mondoñedo e que o dominio dos máis dos idiomas europeos lle abrira as portas do Instituto de Estudios Hispánicos e do Ministerio do Interior. Díaz Castro foi, dende entón, un dos meus poetas; e nos distintos programas radiofónicos que fixen ao longo de 35 anos, o libro “Nimbos” estivo comigo para crear esa comunicación máxica coa audiencia, que só poden conseguir a verdadeira poesía e os verdadeiros poetas. Non podía imaxinar que algún día, cando a Real Academia Galega lle adicase o Día das Letras Galegas, nun colexio de Guitiriz se descubriría unha placa en memoria súa, que levaría un dos retratos que eu lle fixen. Non podería imaxinalo, pero alégrame que así sexa porque, sen coñecérmonos, sen vernos nunca, sentín a Díaz Castro como alguén moi próximo a min, porque soía falar por min.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies