Puntadas sen fío: Delincuentes e patriotas

delincuentes-e-patriotasDin ben Alfonso Guerra e os que, coma el, recordaron estes días que os feixismos viñeron da man dos nacionalismos. Din ben, pero deben aclarar que foi “dos nacionalismos de Estado”, non dos nacionalismos das comunidades sen estado propio. O nazismo naceu do nacionalismo alemán, o feixismo do nacionalismo italiano, e o falanxismo do nacionalismo español. O feixismo español naceu, entre outros motivos, para acabar cos nacionalismos catalán, vasco e galego; e por iso cando triunfou e inspirou a ideoloxía do franquismo, os rapaces da miña xeración estudamos que “La patria no es la tierra, ni la raza, ni el idioma. La patria es una unidad de destino en lo universal”.

Tamén di ben quen recorda con ironía que cando un catalán “se excede” ao manifestar o seu amor a Cataluña, é un delincuente e o español que “se excede” ao manifestar o seu amor a España, é un patriota. Por exemplo, Piqué, que non é independentista, como estivo a favor do referendo do pasado día 1, é un mal español e un delincuente; e os que lle asubían cada vez que toca o balón cando xoga coa selección española, son tan patriotas coma o histórico alcalde de Móstoles. E igual os autores e divulgadores dos milleiros de whatsapp´s –os máis deles de enxeño nulo e pésimo gusto- que circularon pola rede nas últimas semanas para atacar aos nacionalistas cataláns e, sobre todo, aos seus dirixentes.

A verdade é que, como políticos, Puigdemont e Junqueras valen pouco. Demostrárono Jordi Évole cando entrevistou ao presidente e o puxo en evidencia ao recordarlle que, non hai moito, votara contra o dereito de autodeterminación dos pobos kurdo e saharahui; e Josep Borrell nun debate televisado con Junqueras – vicepresidente económico da Generalitat-, no que xogou con el como cun boneco do pim-pam-pum. Porén, Puigdemont e Junqueras valían para levar adiante un proceso soberanista fraudulento, en nome da democracia que burlaron unha e outra vez, e fixérono. Iso -as formas, o método, non a vontade independentista- é o que os descualifica.

No Gran Teatro do Mundo non hai papel máis difícil que o de “demócrata”, de aí que tan poucos o representen con acerto. Os patriotas españoles negan aos patriotas cataláns o dereito a constituír unha república independente; aos patriotas cataláns tenlles sen coidado que a república independente se consiga esmagando aos cataláns que non o son; e os patriotas galegos que apoian o proceso soberanista catalán pechan os ollos para non ver as falcatrúas da folla de ruta e aplauden coa orellas.

Por iso foi gratificante a sesión do pasado mércores no Congreso, na que todos os líderes estiveron a bo nivel e se impuxo a cortesía parlamentaria.  Rajoy non quere aplicar o artigo 155 e está disposto a modificar a Constitución. É o camiño para tentar arranxar este enguedello, no que os únicos que gañan son os chinos, que venden bandeiras catalás e españolas a esgalla.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies