O home tranquilo Pepe Chao Rego

Pepe Chao Rego por Siro
Pepe Chao Rego

Pode que a procesión lle andivese por dentro, pero Xosé Chao Rego sempre me pareceu moito máis tranquilo que aquel irlandés interpretado por John Wayne na inesquecible película de John Ford. Sei que Pepe tiña xenio e era apaixonado, pero tamén sei que sabía embridar o xenio e controlar a paixón; e se digo que era un home tranquilo é polo seu reaxir en momentos especialmente conflitivos. O menos grave dos que recordo é do 1983, cando Ramón, o irmán máis novo, publicou o libro “El lago de Como”. Os libreiros de Vilalba recibírono con alegría e encheron os escaparates con numerosos exemplares. Cabo dunha hora estaba vendida a metade, e cabo doutra hora os libreiros retiráronos dos escaparates porque o pobo estaba arrepiado e alporizado co que lera naquelas páxinas. Ainda que o nome da vila que se descrebe era Reigada e os dos protagonistas inventados, identificábase con Vilalba e con certos vecinos porque o libro recollía todas as faladurías que durante anos se fixeran en voz queda. Da “denuncia” non se libraba nin a propia familia, e nin sequera o autor. O escándalo foi tremendo e coido que a día de hoxe Ramón aínda non ousou volver a Vilalba; pero Pepe seguiu na “Choupana”, a pequena vivenda que fixera na vila ao pouco de secularizarse, escoitando, paciente e comprensivo, as queixas dos veciños. A min dicíame que non entendía por que Ramón fixera aquelo, pero sospeito que non lle pediu explicacións.

A da secularización, debeu de ser a decisión máis difícil da súa vida. Non é imaxinable o sufrimento que lle costaría deixar o sacerdocio despois de exercelo afervoadamente, entregado aos seus fegreses de Santa Mariña, que aínda hoxe o recordan con admiración e afecto. Tal decisión tivo que causarlle unha enorme ferida na alma; pero a min non ma mostrou en ningún momento, nin tampouco a cicatriz.

Casar con Sara axudouno a empezar una nova vida, adicada ao ensino, que culminou no Instituto Rosalía de Castro de Compostela; ao estudo de temas que sempre lle interesaran, á publicación de libros cos que arrequeceu de forma notable o ensaísmo galego, e a seguir traballando pola comunidade de cristiáns, conscientemente galegos, arredor das revista Encrucillada e Irimia.

Non teño dúbidas de que a admirable tranquilidade de Pepe Chao nos momentos máis dificiles respondía á súa dobre condición de intelectual e de crente. Cando alguén tan intelixente e culto coma el ten fe relixiosa, vívea dun xeito especial. Por eso o cristianismo de Pepe Chao non era o da Eirexa que padece os sete novos pecados capitais, que o Papa Francisco recoñeceu nunha mensaxe recente. O cristianismo de Chao era o dos que teólogos que se mantiveron fieis á mensaxe de Xesús e nela atoparon luz e consolo cando dubidaron.

Tamén o sentido do humor era importante na personalidade de Chao, na súa actitude de home tranquilo. Nunca o vin rir a gargalladas, pero si surrir moitas veces coas agudezas dialécticas que el mesmo creaba ou coas creadas por outros. Atrévome a dicir que sempre levaba acochado un surriso sutil no rebique dos beizos.
Por eso cando me pediu un prólogo para o libro “Eu renazo galego”, fíxenllo debuxado e en clave de humor; e el celebrouno moitísimo. E cando eu publiquei un álbum de humor gráfico que titulei “Homes e Mulleres”, pedinlle a Pepe Chao o prólogo. Nel di que o humor é un esconxuro contra os males visibeis e invisibeis, e así o sentiu.

***

No ano 2004, cando a enfermidade empezaba a manifestárselle con máis virulencia, a Agrupación Cultural O Galo, de Santiago de Compostela arranxoulle unha homenaxe baixo o título “Renacer Galego” e invitáronme a participar cun curioso tema titulado “O deseño na obra de Chao Rego”. Daquela intervención escolmei o texto que titulo “O renacer galego de Pepe Chao Rego” porque nel evoco algún dos momentos máis felices da nosa amizade.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies