O centenario da Escola Obreira de Ferrol

Xa falara destas escolas nun artigo da serie “Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín”, nun texto que recordaba aos principais creadores.

Pois ben, ao se cumprir o centenario da creación, os responsabeis da conmemoración invitáronme a participar no libro que vai editarse, a dar unha conferencia e a dicir unha palabras no acto de apertura dos actos a celebrar. Foi un acto solemne, coa presenza do alcalde, o almirante, o director da factoría, o concelleiro de Cultura e outros mandos militares, ademais de traballadores e ex trababalladores de Bazán, coma min, cos que sempre me alegra atoparme.

Velaí o meu breve, pero sentido discurso sobre unha empresa á que tanto debo.

Bo día:

Sinto non poder falar da Escola Obreira porque eu non pasei por ela, pero si podo falar do que foi a Escola de aprendices, tanto nas aulas como nos talleres e no ximnasio, e do que o paso por Bazán supuxo na miña formación como persoa.

Para min, que viña de facer tres anos de bacharelato nunha academia “de cuyo nombre no quiero acordarme”, as escolas de aprendices parecéronme moi boas. Moi bo profesorado nas aulas… ¡Home, é verdade que o bendito don Manuel Masdías estaba tan velliño que en canto se sentaba quedaba durmido, e nós respectabámolo tanto que falabamos baixiño para non espertalo! Tamén é verdade que un profesor de historia andaba xustiño, xustiño…, pero, repito: en conxunto, o profesorado segue parecéndome excelente. Boa parte estaba formado por maquinistas da Armada expulsados por servir no exército republicano, acollidos por José María González Llanos; por deliñantes e administrativos veteranos con vocación docente, e  por xente allea á empresa, como don Manuel Masdías, ou un coronel con moitos fillos -e unha filla guapísima-, que no franquismo os militares eran a columna vertebral da patria, pero non cobraban como tais; e este home –respectuosísimo co alumnado, por certo- viña dar unas clases para gañar unhas pesetas.

Dos talleres só direi que eran extraordinarios porque extraordinarias eran as instalación e extraordinarios os responsabeis da nosa formación; polo que, cabo de catro anos de aprendizaxe, todos estábamos en condicións de exercer como profesionais competentes. Eu sei que agora mesmo podería facer nun torno horizontal os mesmos traballos que facía aos 18 anos.

Pero había outra escola nos talleres, da que nunca se fala. Unha escola clandestina arredor da que chamabamos “A biblioteca rodante”. Creárana varios operarios comprometidos na resistencia á miseria intelectual que para os rapaces vidos da Escola Obreira, e tamén dos que non viñamos da Escola Obreira, supuñan aqueles anos do franquismo. Julio Aneiros, Paco Filgueira e outros arranxaran aquela biblioteca na que podíamos ler autores malditos como Antonio Machado, Rafael Alberti, Ramón Sénder, León Felipe, María Zambrano, Federico García Lorca ou Miguel Hernández. E o bo do caso, o mellor de todo é que a dirección da empresa sabía daquela biblioteca clandestina, pero miraba a outro lado e deixaba facer. Os aprendices aprendemos tamén nos talleres o valor do compañeirismo, da solidariedade, porque nos talleres facíanse colectas para axudar aos compañeiros enfermos e en grave situación económica. E hai que dicir que naquelas colectas participaban os mandos intermedios: encargados e maestros.

Si, Bazán foi para os aprendices dos anos cincuenta e sesenta unha escola na que aprendimos moitas cousas, entre elas o valor da dignidadede , da liberdade, da democracia, da solidariedade… Por eso os vellos que hoxe somos aqueles aprendices sentímonos estafados polos corruptos que aproveitaron a Transición, conseguida tan duramente, con tanto sacrificio, para enriquecerse na política.

Non podo rematar sen citar a outra gran escola que para min supuxo o paso por Deliñación. Eu non sería o profesional do periodismo que fun; non faría os traballos que fixen en prensa, radio e tv; sen o rigor e a conciencia ética do traballo ben feito, que adquirín na Oficina Técnica de Maquinaria.

De maneira que se tivese que explicar nunha frase breve ás miñas netas o que supuxo para min o paso polas escolas de aprendices de Bazán, e pola gran escola que Bazán foi en conxunto, diríalles: “A min aplaudiume Franco aos 15 anos, e aos 73 deume dous bicos a raíña Letizia”. Non é nigunha nadería. Poucos españoles poderán presumir de ser aplaudidos por Franco e bicados pola raíña Letizia. Eu si, e por eso fágoo. Se fose ao revés, se me bicase Franco e me aplaudise dona Letizia, sería un segredo que levaría á tumba.

Moitas grazas.

E ata aquí os prolegómenos. Alá por setembro empezará a verdadeira celebración e eu estarei encantado de participar.

Contareivos.

1 comentario en “O centenario da Escola Obreira de Ferrol

  1. Que placer leerte y recordar viejos tiempos y personas excelentes como las que citas, entre ellas Llanos y Masdías,etc. Con uno de los hijos de Don Manuel, me encontré en uno de los tres viajes que hice, en Misiones OMS en Guinea Ecuatorial. Parabens y que sigas, como hasta ahora, enseñándonos y haciéndonos disfrutar con tus obras pictóricas y literarias. Apertas.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies