Borobó

Raimundo García Borobó
Borobó
Borobó

Cando nos viamos eu chamáballe “o meu padriño” e el a min “o meu afillado”, mentres nos abrazabamos, entre risas, con tanto afecto e cordialidade que pasmaban os presentes.

En realidade Borobó foi para min moito máis que un padriño neste apaixonante labor de xornalista ao que me dediquei profesionalmente aos 42 anos, consciente do que facía ao deixar a Oficina Técnica de Bazán, onde entrara con 19. Pode que fose a única vez que acertei ao tomar unha decisión importante na miña vida, pero o acerto foi pleno. Proxectistas coma min, na Oficina Técnica había moitos; e sen embargo eu tiña algo que aportar ao xornalismo galego. Sabíao e La Voz de Galicia brindábame a oportunidade de demostralo. Non podía dubidar e non o fixen. En 1985 entrei na redacción da Voz e durante 21 anos fun feliz debuxando, escribindo guións e realizando programas de radio e tv. Cando me xubilei, en 2006, fíxeno satisfeito.

Pero nada diso sucedería se Borobó non me abrise as portas do xornalismo, en 1970, cando me presentou na revista Chan, que el dirixia e editaba en Madrid. Conteino varias veces e volvo facelo agora.

Eu fixera una serie de viñetas humorísticas protagonizadas por nenos e nenas que trataban inxenuamente os temas que precupaban aos adultos. A idea non era orixinal –Quino levaba anos publicando con enorme éxito as tiras de Mafalda-, pero ao ambientalas no rural galego conseguín darlles un toque persoal. Viunas o pintor Francisco Iglesias, compañeiro na Oficina Técnica, fotocopiounas e envioullas a Borobó, quen, en canto as viu, me chamou para pedirme que lle enviase catro orixinais, que publicou en Chan, a toda páxina e cun titular que dicía: Chan presenta un novo caricaturista. Os nenos de Siro. E ademais pagoume mil pesetas.

Aquela presentación de Borobó foi a chave mestra que me abriu todas as portas no futuro. Eu non podo presumir dos sacrificios que tiven que facer, nin dos atrancos que houben de salvar, porque desde o día que Borobó me apadriñou todo foi doado para min. E segundo ía pasando o tempo e eu me mergullaba máis e máis no xornalismo, máis agradecido lle estaba a Borobó e el se sentía máis ledo de ser quen me deu a coñecer.

Ademais de gran periodista e gran persoa, Borobó tiña unha memoria prodixiosa, que o convertía no terror dos conferenciantes e historiadores. Todo canto vivira estaba escrito con datas e datos no seu cerebro, e como, tivo vida longa e tratou a tanta xente, coñecía polo miúdo a pequena historia de Galicia, que ademais de ser a auténtica, é a divertida. ¡Canto me aproveitaron as longas conversas que tivemos en Rianxo, no congreso que sobre Castelao se fixera –cousas da vida– no pazo de o Viturro, o cacique a quen tanto atacara nas súas viñetas!

Ao se cumprir o centenario do seu nacemento, Borobó está a ser recordado con diversos actos, aos que me sumo, aínda que non poda asistir a todos. Estarei o 28 de setembro en Cesures, para participar nunha mesa redonda e ver como poñen na súa casa unha placa cunha das caricaturas que lle fixen. Gústame que esa mostra de gratitude e de afecto que lle teño quede recordada en pedra, porque será a testemuña cando eu falte.

Homenaxe a Raimundo García Domínguez, Borobó. Publicación dixital do Consello da Cultura Galega, enlace disponible aquí. 

 

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies