Puntadas sen fío: Blanco Amor como inimigo

Eduardo Blanco Amor

O 10 de nadal de 1976, o Círculo de Perlío -á outra beira da ría de Ferrol- fixolle a Eduardo Blanco Amor a única homenaxe que recibiu en vida. O grupo de teatro do Círculo representou O Cantar dos Cantares, que Eduardo sabía de memoria e foi dicindo a carón de min, en voz baixiña, ao mesmo tempo que os actores e actrices. Despois, durante a cea, pregunteille que tal era el como actor. Botouse a rir e comentou que cando dirixía o Teatro Popular Galego en Bos Aires enfermara un actor secundario e sustituírao el. A obra desenvolvíase no século XVII, polo que os protagonistas levaban roupa de época. Ao día seguinte o crítico de La Nación escribiu: “Como actor, lo único que el señor Blanco Amor lució sobre el escenario fueron unas hermosas pantorrillas”.

Blanco Amor podía facer burlas de si mesmo, pero levaba moi mal as críticas negativas á súa obra literaria, que atribuía á fobia por ser homosexual. A Carballo Calero aborrecíao e, aínda que ante el nunca perdeu “as boas maneiras”, non deixou pasar a ocasión de despelexalo.

O 26 de setembro de 1976, Blanco Amor foi invitado a pronunciar a conferencia inaugural do Ateneo de Ferrol, recuperado para a democracia,  e aceptou. Aquela noite, no salón de actos do Instituto Feminino, totalmente ateigado de xente, leu unha conferencia titulada Ramón Cabanillas e o futuro da cultura galega. Empezouna abrindo un libro moi groso do que leu un parágrafo, verdadeiramente disparatado, que el facía máis ridículo ao enfatizar as palabras menos afortunadas, que eran moitas:

“As nais galegas que arrolaron os berces dos seus pícaros ao arrandeio do abalo e debalo da maré que enche co seu profondo latexar o seo da ría de Arousa, enxergaron arreo o adexar, sobre o frouxel do niño tépedo, de tenras azas boligantes, arreguizadas de cedo pola paixón e o pulo dun vindeiro vo lanzal; acenos manseliños e trebos que agoiraban ronsés de barileza no ceo de Galicia”.

 O auditorio ría cada vez máis e máis forte, e Blanco Amor seguía declamando:

“Gromos e xérmolos de podentes ou dondas recadabidas de homes a abrollar nas ponlas, a cintilar nas xerfas. Promesa das searas, alento das viñas, seguranza dos hortos. No barrelo onde a muller arousá abala ao seu cativo, tiña que callar moitas vegadas o froito da benzón”.

Aquí rematou a lectura, bateu o libro contra a mesa, e dixo: -Se isto é galego, eu son o bispo de Ourense!, e a gargallada colectiva resoou fóra do edificio.

Aquel texto que Eduardo convertera en risible ante varios centos de ferroláns, era o comezo do prólogo que Ricardo Carballo Calero puxera ás obras completas de Ramón Cabanillas, editadas no 1959 polo Centro Galego de Bos Aires.

Ao rematar o acto, olleino sen dicir nada, e el, en voz queda, preguntoume: -¿Cómo é iso do fútbol, dos puntos positivos dos que xogan e gañan en campo contrario?

 

                                                                                             

 

 

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies