Basilio Losada

basilio_losada
Basilio Losada por Siro

Penso que se alguén fixese una enquisa no mundo das letras galegas para saber quen é o escritor con máis encanto persoal, Basilio Losada quedaría primeiro, con moitos puntos por riba de todos os demais. Por iso velo ingresar o pasado día 3 de octubro na Real Academia Galega foi unha grandísima alegría para moita xente. O presidente, Xesús Alonso Montero, sorprendeu aos asistentes ao acto cunha extraordinaria habelencia para pronunciar máis de mil palabras por minuto no discurso de resposta, ritmo imprescindible para enumerar só unha parte dos méritos do novo académico; tantos, que un se pregunta por que a Academia demorou tanto a elección.

Pero Basilio Losada é, xa e por fin, académico e os que o queremos celebrámolo con ledicia compartida. O presidente, bo amigo e bo coñecedor de Basilio, largou “a todo filispín”, que dicimos en Ferrol, o retrato da personalidade literaria do novo académico, e falou do ensaísta, do conferenciante, do autor de retratos, do prologuista, do antólogo, do voraz lector de poesía, do activista cultural, do epistológrafo, do crítico e de quen, desde 1960, foi en Barcelona o embaixador das Letras Galegas. Pero, claro, falou tamén do seu lado humano: da boísima persoa, do amenísimo conversador, do gastrónomo, do ser extraordinariamente cordial e xeneroso que Basilio é. E non esqueceu a peculiaridade que máis sigulariza ao noso amigo: a capacidade de fabulación. É certo. Se alguén recollese só unha parte das fabulacións que Basilio foi facendo sobre os temas máis dispares en tantas sobremesas e tertulias de amigos, teriamos un dos libros máis fermosos da literatura galega.

A miña relación con Basilio Losada está condicionada pola distancia entre A Coruña e Barcelona, pero el foi o presentador da miña exposición “Desde Picasso” en Barcelona e A Coruña, e o prologuista do catálogo. Con el dialoguei nunha entrevista da serie “Riscos”, sen dúbida un dos meus mellores traballos periodísticos; e del falei en conferencias e en artigos para tratar un matiz importantísimo na personalidade de Basilio Losada, e que, sen embargo, pasa desapercibido: a súa timidez. Basilio é un enorme tímido e iso condiciónao, ás veces para amolalo e facelo sentir incómodo; pero tamén o fai aínda máis entrañable.

Basilio é tan tímido que, de novo, nunca ousara piropear a unha muller, e iso sentíao como una covardía a superar. O día que gañou a cátedra de Lingua e Literatura Galego-Portuguesa na Universidade de Barcelona, sentiuse tan ledo e eufórico, que pensou: -Hoxe, á primeira muller guapa que encontre, piropéoa. E coma un tecelán púxose nas puntas dos pés, oteou o horizonte e viu na parada do bus una muller fermosísima.

¡A esa! –dixo Basilio, e lanzouse. Tiña que atravesar a rúa e empezou a facelo a grandes alancadas, pero segundo se achegaba á beldade os pasos facíanselle máis curtos e cando chegou cabo dela, levaba andar de perdís. A fermosa ollouno, pensou que quizais quería preguntarlle algo, e díxolle amabilísimamente:

-¿Desea algo?

Basilio, con voz afogada, confesoulle:

-Es que quería decirle a usted un piropo.

A muller debía de ser tan intelixente e comprensiva como guapa, porque asentiu e animouno:

-Pues dígamelo.

Basilio baixou a cabeza e só puido dicir:

-No, así no.

E marchou arrastrando os pés, roído o amor propio por unha nova derrota.

Agora en Láncara, a súa terra e a de Ramón Piñeiro, vanlle entregar o premio “Ramón Piñeiro. Facer País”. Ninguén o merece máis ca el, e eu, que fixen as caricaturas dos premiados desde a primeira edición, nunca sentín alegría maior que ao facer este deseño.

Noraboa dobre ao admirado profesor e entrañable amigo.

basilio_losada_y_siro
Basilio Losada y Siro

1 comentario en “Basilio Losada

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies