Aurora

aurora_suarez

Quérovos falar de Aurora, a miña amiga Aurora. Eu, como todos, teño amigos da alma e amigos do “recho”. E por se alguén non sabe que é o “recho”, explico que é o bandullo dos animais, e ironicamente, o das persoas. Queda clarísima, pois, a diferencia entre uns e outros amigos. Aurora é amiga da alma e serao toda a miña vida, malia os seiscentos quilómetros que puxo entre ela e eu hai moitos anos, cando era una rapaza de vintepoucos.

Aurora ten moitos encantos. A beleza é o máis evidente, claro; pero a pouco que a tratedes quedaredes engaiolados igualmente pola súa intelixencia pouco común e un incrible sentido do humor, que lle permite converter en risible gran parte do que conforma o diario vivir, especialmente o máis solemne. Aurora é una humorista extraordinaria, ao xeito de Julio Camba e Wenceslao Fernández Flórez. Ten, coma eles, agudeza visual para ver detrás das pautas culturais afortaladas pola tradición; dos prexuízos intocabeis e das modernidades convertidas en normas de obrigado cumprimento no rabaño social. Coma eles ten tamén finura intelectual para esfarelar en medio folio os dogmas intocabeis na convivencia social, ou deixar en porrancho –en “pelota picada”, dise en castelán- a calquera home ou muller elevados á categoría de semideuses –ás veces de deuses-, sen que poidan sentirse ofendidos publicamente. Aurora ten en común con Luis Piedrahita, outro gran humorista do noso tempo, o don de ver o que ocultan as pequenas cousas do noso vivir cotián. Des que coñezo a Piedrahita penso que é como Aurora, pero en feo.

Coñecín a Aurona a mediados dos noventa, cando ela era unha rapaza preciosa da Pobra do Caramiñal que facía radio na emisora local e eu dirixía en Radio Voz o inesquecible Corre Carmela que chove. Daquela souben da súa “agudeza e arte de enxeño” e despois, ao ter a oportunidade de coordinar, entre 2000 e 2002, o Xatentendo.com, suplemento de humor de La voz de Galicia, inviteina a colaborar, e o seu artigo, celebradísimo como primicia polo equipo de redacción, arrequeceu aquela publicación de calidade excepcional, merecente dun estudo ambicioso, mesmo dunha tese de doutoramento, que confío en que, algún día, alguén fará.

Aurora, por motivos persoais, botou una década longa sen escribir, pero volveu hai un ano e podéde-la ler en Mundiario.com. Invítovos a facelo, na seguridade de que mo agradeceredes. Xa non fai, como antes, artigos para divertir; agora interésalle tamén facernos pensar. E conségueo sempre. Sócrates dicía que era fillo de parteira, de aí que lle gustase axudar a parir ideas. Aurora non é filla de parteira, pero algo de Sócrates hai nela, porque surrir e pensar, pensar e surrir, facemos todos ao nos mergullar na lectura destas breves e deliciosas pezas literarias.

Déixovos como mostra do seu talento un dos últimos artigos publicados. Titúlase “Ponerse hasta las cejas de Lexatín es profundamente antirrevolucionario”. Tamén vos deixo a portada do libro Pluma al viento, que lle ilustrei no 2001.Confío en ilustrar moi axiña o próximo.

Disfrutádeo.
http://www.mundiario.com/articulo/sociedad/ponerse-cejas-lexatin-profundamente-antirrevolucionario/20151005115817047323.html

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies