Riscos: Benito Losada

Benito Losada por Siro
Benito Losada por Siro

No ano 1997 empecei a publicar en La Voz de Galicia, con periodicidade semanal, unha serie de entrevistas a galegos e galegas coñecidos pola súa actividade profesional (Riscos). Hoxe reproduzo para que o coñezades mellor a de Benito Losada.

A imaxe deste funcionario de 51 anos é o reverso da daqueloutro do “volva vostede mañá”. Lugués de nacemento, traballou sempre como animador cultural da mocidade e desde o 78 dirixe a Casa da Xuventude de Ourense.

-¿Sabe que Soledad Becerril, sendo ministra do ramo, dixo que pobre cultura se estivera en mans de políticos e de funcionarios?

-¡Ah, pois non lle faltaba razón! O que pasa é que eu non son político, nin me sinto funcionario, porque ninguén me pide que faga como funcionario as cousas que fago.

En tempo de sucedáneos vostede encírrase en ofrecer productos naturais.

-É unha cuestión de gostos. A xente que se move por esta casa tenme por algo maniático e mesmo inimigo de actividades máis comúns, como pode ser o fútbol, e véxome na necesidade de explicar que non é así, aínda que teña outras preferencias.

-¿Por exemplo?

-As actividades que organizamos na Casa da Xuventude. Con periodicidade anual, as Xornadas de Banda Deseñada -o que por outras latitudes chaman “cómic”-, que van xa pola novena convocatoria; o Outono Fotográfico, que vai pola décimo quinta; o Concurso de Contos para a Mocidade, que está na décimo cuarta. Por certo que narradores galardoados cos premios Xerais ou Torrente Ballester, déronse a coñecer neste certame. E, por non alongar a relación, a Bienal da Caricatura, que chegou á cuarta edición.

-Pero a Casa da Xuventude poucas veces fai algo soa.

-Unha característica fundamental do noso labor é que evitamos o protagonismo, implicando a outras entidades -concellos, casas da cultura, museos, asociacións, etc.-, ata trinta neste momento; de xeito que pasamos con moita satisfacción de sermos “organizadores” a “coordinadores”.

Vostede está certo de que a cultura é parte importante dunha dieta equilibrada.

-Absolutamente certo, porque a xente que participa da cultura ten máis autoestima e mantén unha actitude máis crítica coa cultura imposta. Eso vese coa xente nova que vén aquí e por eso coido que cómpre facilitar a participación, para que, entre todos, poidamos facer o cesto.

-Ó que vostede aspira é a organizar o ocio dos rapaces.

-Sinceramente, non é eso ou, polo menos, non é só eso. É que eu o paso moi ben compaxinando a obriga e a afección. Como funcionario podería incluso aburrirme, pero a afección non me deixa e o tempo non me chega.

-¿Os rapaces enténdeno?

-Hai de todo, pero en xeral si. Levo vinte anos dirixindo esto e nunca tiven un problema serio con ningún. Recoñezo que cando estou con eles son un máis e podo chegar a dicir: “Porque nós, os mozos…”. Penso no curioso que pode resultar o xubilarme na Casa da Xuventude.

-¿Que idioma lles fala?

-O do humor. O sentido do humor funciona moito.

-Se paso o dedo polos libros da biblioteca ¿atoparei pó?

-Nalgún andel pode que si, pero a nosa biblioteca é, sobre todo, de banda deseñada e verías moitas publicacións usadísimas. Eu son un defensor acérrimo da xuventude, porque nunca se leu tanto, nunca se participou tanto e nunca se colaborou tanto. Aquí non falta nin se estraga nada. Se nos paramos a pensar, teremos de recoñecer que, respecto á xuventude, podemos estar tranquilos. Tamén é certo que os mozos e mozas que aquí veñen  son do melloriño. Eu non coñezo outros sectores menos positivos.

-¿Ten vocación de docente?

-Pois non. Son mestre, pero non poño escola, nin me apetece facelo. Ata me sentiría algo ridículo.

-¿E de Pigmalión?

-Tampouco. A min o que me vai é enredar no que me gosta: arranxar unha mostra de caricatura, seguir o bo que se fai por España adiante, para ver de traelo aquí… Son moi afortunado, porque fago o que me apetece e cobro, cando pagaría por facelo.

-¿Os mozos saben o que queren?

-Penso que si.

-¿E o que non queren?

-Tamén. O que pasa é que lles tocou vivir un tempo difícil, e coido que o están aceptando con excesiva resignación, con demasiado conformismo, que son pouco combativos.

-Como se dirixir esta casa non dese traballo abondo, vostede anda metido noutras iniciativas culturais.

-É o labor complementario, porque hai cousas que non se poden propor aquí, pero que convén levalas a cabo fóra. Pode que sexa algo “pardillo” ó me apuntar a todo, pero sempre estou disposto ó que faga falta en asociacións de ámbito galego como a Landrover, así chamada por acoller a técnicos de cultura que somos “todo terreo”; ou de ámbito local, coma o Club Alexandre Bóveda.

-Todo é pouco para defendernos da contaminación intelectual das televisións.

-É certo. Eu xa cheguei ó extremo de non ver nunca a tele, nin sequera cando ofrece algo bo. Saio de aquí ás dez da noite e, un pouco que falo na casa, un pouco que leo nun libro, xa é hora de durmir. E, desde logo, o que non fago é poñer a tele mentres comemos. Os raros momentos nos que coincidimos todos os membros da familia, hainos que aproveitar para a comunicación.

-Ourense foi sempre unha cidade culta.

-Home, o de “a Atenas de Galicia” é esaxerado, pero foi sempre unha cidade culta e penso que segue a selo. Tivemos a mala sorte de que o goberno municipal non acertara a crear unha infraestructura de equipamentos culturais, como fixeron outros nos anos oitenta, e hoxe topamos coa imposibilidade de realizar actividades importantes por falta de medios. Están o Museo Arqueolóxico, cun espléndido edificio e fondos valiosos, e o Teatro Principal, que se conservou gracias ás esixencias da cidadanía, pero polo menos necesitamos un centro cultural, un auditorio e unha gran biblioteca, porque o chamado Museo Municipal non é máis ca un inmoble con dúas plantas para exposicións.

-¿E onde garda vostede os seus soños de rapaz?

-Foi unha transición tan rápida, que nin tempo tiven a desprenderme deles e por eso van comigo. Conservo todas as ilusiós do rapaz que fun; fáltanme as de adulto.

-Tamén conserva o optimismo.

-Tamén, e ademais é fundamental. Teño moito optimismo. Peco de optimista.

Deixa un comentario