Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Un ano vello no Valencia

Un ano vello no Valencia

Interrompo os comentarios das empresas e dos empresarios ferroláns para recordar a noitevella do ano 1958, a primeira que celebrei fóra de casa; no desaparecido Salón Valencia, na estrada de Castela, antes Cine X e despois Cine Atenas. Ao entrar no salón de baile vin no escenario a orquestra Pasapoga, con Yonny Paspatty de vocalista, e na pista a rapaza máis fermosa que eu, tan dado ás fantasías, poidera imaxinar. Alta, esvelta, morena, co pelo escuro, recollido; vestido negro, cinguido ao corpo, escotado e sen mangas, e zapatos de tacón.

Estaba con outras mozas da súa idade e cunha señora maior, de pelo branco, tan guapa como elegante. Vin que bailaba con calquera que llo pedira, pero eu ía cumprir dezaséis anos cabo de poucos días e ela andaría nos dezaoito. O máis probable sería que se a invitaba a bailar me rexeitase amablemente, e afundiríame a noite. Impoñíase actuar con astucia, así que agardei que a señora quedase soa, sentei a carón dela, saudeina, faleille algo do ambiente agradable da noite e inviteina a bailar. Riu, divertida, e díxome que era demasiado maior para moverse na pista, pero agradeceue a cortesía, e comezamos unha animada conversa, na que me mostréi tan enxeñoso como puiden, para que non deixase de rir. Cando volveron as rapazas a señora explicoulles: “Este chico tan simpático me invitó a bailar y ahora estaba contándome unas cosas graciosísimas”. Todas me ollaron con curiosidade e simpatía, e como nese intre Yonny Paspatty empezaba a cantar un bolerazo dos que poñían ás parellas en perigo de derreterse, erguinme, dirixinme á sílfide e pregunteille: -¿Bailamos?

E bailamos. Bailamos toda a noite, porque durante aquel bolero pregunteille que anos tiña; e cando me respondeu “dezaséis”, perdín os medos e pedinlle que quedase comigo. Paspatty foi o meu aliado porque enristrou un bolero con outro, e eu puiden sentila toda a noite pegada a min naquel cachiño de chan, que xa tiñamos como propio. Contoume que era de Betanzos e que viñera despedir o ano a Ferrol, á casa da tía, coas curmás, que a trouxeran ao baile. Tamen ela vivía por primeira vez a experiencia de entrar no Aninovo fóra da casa. Tiña un corpo de deusa, pero era tan cría coma min; e aquela música, aquel ambiente ledo, foi demasiado para os dous. A tía e as curmás tiveron que rescatala dos meus brazos cando xa a orquestra deixara de tocar. Díxenlle que naquela sala, había baile todos os domingos, e prometeume que viría a Ferrol o próximo e que nos veriamos alí mesmo, ás cinco da tarde.

Pasei a semana sen poder comer, nin durmir, pensando nela; e o domingo, moito antes das cinco, xa estaba eu agardándoa no Salón Valencia. Espereina toda a tarde, pero non apareceu. Nin o domingo seguinte, nin o outro … E non volvín vela.

¿Por que non tentei buscala en Betanzos? Supoño que me parecería unha aventura como ir ao Amazonas, que eu, case con dezaseis anos, nunca en Betanzos estivera. Pasados outros cincoenta e cinco, vexo as imaxes da orquestra Pasapoga no escenario e da xente bailando; a da señora de rostro fermoso e agradable, de cabelo branco con “reflexos” azuis e violetas; a da miña Venus betanceira, que recoñecería entre mil semellantes a ela; pero non lembro o seu nome. Esquecino hai moito tempo, non sei cando; quizais nos primeiros días, como mecanismo de defensa.


Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies