Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Alzheimer

Alzheimer

De todas as enfermidades senís, da que máis se fala hoxe é da chamada Alzheimer; pero este é un nome que coñecemos recentemente, e antes, cando os vellos perdían a memoria e a razón, diciamos: “a avoíña está chocha”  ou  “o avó toleou”. Quizais o primeiro caso de Alzheimer que coñecín –aínda que non o nome- foi o de Bernabé, o home de Cipriana. Comentoullo, moi afectada, miña nai a meu pai, sendo eu mozo, mentres xantabamos.

Bernabé e Cipriana eran de Serantes e formaban unha parella curiosa: ela moi alta, el moi pequeno. Ninguén entendera o seu namoro, pero casaron noviños e quixéronse sempre. Meu pai, bromista e argalleiro, facíaos rir dicíndolles que cando estaban na cama e o corpo lles pedía guerra, Bernabé despedíase dicindo: -Dame un bico, Cipriana, que vou pra abaixo.

Cipriana viña vender froita aos mercados de Ferrol, e Bernabé traballaba de carpinteiro. Tiveran tres fillas, que casaron e déronlles netos, e cando contaban levar unha vellez serea, Bernabé foi perdendo o xuízo. A muller coidouno amorosamente, pero ao pouco tempo Bernabé non coñecía a ninguén, nin a ela sequera.

Unha das fillas sorprendeuno poñendo un candado na porta do chabolo onde gardaba a ferramenta, e cando lle preguntou por que o facía, Bernabé baixou a voz e respondeulle mentres sinalaba á que sempre fora a súa casa:

-Quero pechar ben o chabolo, porque lle teño moito medo a unha muller grande coma o demo, que vive nesa casa.

A miña irmá ten Alzheimer e houbo que ingresala en EUXA, o xeriátrico de Narón; pero o meu cuñado, que ten a cabeza perfectamente, foi con ela e vive para ela. Miña irmá recoñece a familia, e os domingos, cando vou vela, leva unha sorpresa; como se me vise por primeira vez en moito tempo: abre moito os ollos, surrí, bótame os brazos e di: -¡Mi hermaniño! Logo abrázame e énchenselle os ollos de bágoas. Se me ausento un minuto para ir ao coche ou saudar a un coñecido, cando volvo cabo dela, doulle outra alegría e a escena repítese.

En EUXA está tamén Emma, filla de Volusiano, o meu barbeiro de neno, e curmá de Mario e Carlos Villamil. Ten Alzheimer dende hai dous anos e canta todo o día un repertorio amplísimo de cancións ferrolás. O domingo pasado Emma veu coa filla e o xenro, canta que canta, polo corredor ata onde estabamos nós. Eu cantei con ela ata que me sorprendeu cunha canción moi divertida, para min descoñecida, que di:

Al salir el sol dorado

una mañana de abril

creí que estabas cogiendo

matitas de perejil.

Dame la perejilera

que te la vengo a pedir,

tengo el pollo en la cazuela

y le falta el perejil.

Entón sucederon tres cousas que quixera saber contar para transmitilas en imaxes: viñeron buscar a miña irmá para levala ao baño; cando Emma rematou a canción, chamoulle á filla  “mamá”. Ante a miña sorpresa, a filla explicoume que, des que enfermou, Emma pensa que a filla é a nai. Moi cariñosamente preguntoulle: –¿Verdad que yo soy tu mamá? Emma respondeulle cun “si” escueto, e seguiu cantando. Nese momento traían de volta a miña irmá, que en canto me veu, levou unha alegría, abriu os ollos, surriu, botoume os brazos, apoiou a cabeza no meu peito, e enchéronselle os ollos de bágoas.

1 comentario en “Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Alzheimer

  1. Pois estas estrofas:

    “Ao saír o sol dourado
    unha mañá de abril
    crin que estabas collendo
    matiñas de pirixel.
    Dáme a pirexeleira
    que cha veño a pedir,
    teño o polo na cazola
    e fáltalle o pirixel”.

    Téñollas escoitado cantar a un veciño de Chanteiro alcumado “Chuchú”, José Hermida Corral, morto xa fai anos e que traballara na “Bazán de Ferrol”, no taller de galvanizo.
    O home morreu prematuramente, era solteiro e cando normalmente se pasaba co viño filosofaba e disertaba dicindo: “Non quero vacas nin capitales, quero cimbra (?).
    E logo comenzaba a cantar unha letanía de cancións na que metía entre outras a mentada.
    http://romayo-chanteiro.blogspot.com.es/2010/11/dia-de-defuntos-santa-compana-inaugura.html

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies