Adeús a Luís Mera

Luís MeraHai cinco meses Luís Mera propúxome presidir o Club de Prensa de Ferrol, e, malia o problemático que resulta para alguén que, coma min, reside fóra da cidade, aceptei porque eu a Luís Mera non lle podía negar nada. Coido que ninguén que coñecese a bonhomía de Luís Mera e soubese do inmenso labor que no eido da cultura fixo durante coarenta anos na nosa cidade, podería negarlle nada.

Aceptei tamén –debo recoñecelo- porque o Clube de Prensa era como un tren de alta velocidade que circulaba por unha vía completamente segura, des que, anos antes, Luís Mera se incorporara ao equipo directivo e puxera o seu saber, a súa experiencia, a súa capacidade organizativa, a disposición da entidade. Luís garantía o éxito do Clube e tamén o da miña xestión.

Eu temía –tamén é verdade- que aquela emocionada despedida da vida que Mera fixo no Auditorio da Fundación Abanca, a noite do 31 de maio de 2013, na homenaxe que un grupo de amigos, membros todos do Clube de Prensa, organizamos para agradecerlle o seu extraordinario labor, estivese xustificada e que o tempo que estaba a vivir fose demasiado breve; pero esa era outra razón para non fallarlle, para atender a súa chamada.

Comigo incorporouse á directiva Margarita Canido, supoño que polas mesmas ou semellantes razóns, e estou certo de que ela con Fernando Bores e Xoán Rubia, veteráns do grupo, comparten esta sensación de orfandade –nunca un tópico foi máis atinado- que a ausencia de Luís Mera me deixa. Porque nestes últimos días, case sen alento, Mera seguía aleccionándonos para que o Premio Couso pola liberdade de prensa se celebre coa debida brillantez; para que o Curso Gurméndez volva ser un éxito; para que o próximo número de Ferrol Análisis poida saír do prelo antes de determinada data. Permitídime dúas palabras sobre Ferrol Análisis, a espléndida revista que, dende hai anos, Luís elaborou capítulo a capítulo, páxina a páxina; a publicación que permite ao Clube de Prensa de Ferrol contar cos colaboradores máis prestixiosos porque todos recoñecen en Ferrol Análisis unha das mellores revistas de pensamento que existen na actualidade.

Si, Luis Mera só había un e non é substituíble; nin o tentaremos sequera; pero entre todos imos facer canto poidamos e saibamos para dar continuidade ao seu labor. Debémosllo e ímolo facer. Dígovolo a vós e dígollo a el, porque sinto aquí, a carón de min, a súa discreta presenza.

O azar é caprichoso, e hoxe fíxonos unha mofa cruel. Germán Castro, o noso presidente de honra, o home que trouxera a Luís Mera ao Clube de Prensa, rescatándoo da depresión que lle causara saír do Ateneo na máis torpe e nefasta manipulación política da que eu gardo memoria, foi intervido quirúrxicamente hoxe no Marcide e non pode acompañarnos. Pero eu estou a descubrirme como medium e ademais de sentir a carón de min a discreta presenza de Mera, sinto tamén a emocionada presenza de Man.

E de Luís non me despido porque, con palabras prestadas, lle digo:

Volveremos ao teu horto e á figueira
con Encarna e List e cos teus fillos,
á chamada da túa alma colmeinera.

Que temos que falar de moitas cousas,
compañeiro da alma, compañeiro.      

2 comentarios en “Adeús a Luís Mera

  1. Excelente artigo de un excelente y entrañable amigo artista,periodista y escritor.qué grande eres y a pesar de ello,tienes un corazón que no te cabe en la caja torácica.Qué Dios te guarde muchos años sobre esta desdichada Tierra,donde hombres como tú escasean.un abrazo

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies